Baiona, Moaña e Redondela veñen de sumarse á lista de concellos que non abrirán polo de agora os seus parques infantís, sumándose así a outros municipios da área metropolitana como Vigo ou Tui. O motivo é común: a falta de protocolos de desinfección e control de aforo destes espazos e a necesidade de dispoñer de tempo para activalos.
O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, anunciou a intención do Goberno local de atrasar a reapertura dos parques infantís e áreas biosaudables do municipio ante a imposibilidade de cumprir cos requisitos esixidos pola Xunta de Galicia que, unha vez máis, afirma o rexedor baionés, “fai gala da máis absoluta improvisación”.
Gómez lamentou que o PP amose un “total descoñecemento” da realidade dos concellos pensando que “no prazo de dous ou tres días unha administración local pode poñer en marcha unhas medidas case que absurdas dende o punto de vista sanitario e de imposible cumprimento”.
A Xunta especifica, tal e como recolle o DOG que “os parques infantís e espazos de uso público ao aire libre poderán estar abertos ao público sempre que se respecte unha capacidade máxima”. Esa norma, amais de outras que propón o Goberno galego, “faría preciso medicións exactas e cálculos de uso en cada área de xogo para que cada neno ou nena tivera 4 metros cadrados de espazo” a ese traballo habería que engadir o da “elaboración e colocación de paneis informativos sobre as condicións de uso da zona”.
Doutra banda, explica Carlos Gómez, a Xunta obriga a “unha desinfección e limpeza diaria” tanto dos elementos de xogo como do mobiliario urbano compartido, unha medida que o rexedor local cualifica de “absurda e inútil” xa que “un xogo que toque un neno ou nena pode quedar contaminado e contaxiar ao que o utilice despois, polo que habería que desinfectado cada vez que un rapaz ou rapaza utilice un elemento do parque”.
A todas estas medidas que “non teñen máis intención que a de dar unha sensación de normalidade” sen pararse a pensar “as consecuencias que poden ter sobre un dos sectores máis vulnerables da poboación, como é a infancia”, afirma Gómez, engádese a obriga de contar con xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes “unha medida que precisa de certo tempo para instalar os dispensadores”.
Nesta mesma liña expresáronse os concellos de Moaña e Redondela, que difundiron breves mensaxes a través das súas redes sociais para avisar á cidadanía de que non abrirán estas instalacións “ata contar cun protocolo de limpeza, desinfección e control de aforo”.