A vila porá a disposición da comunidade universitaria tanto pisos e apartamentos como hoteis que fóra da temporada estival están baleiros, que funcionarán a modo de residencias universitarias. Para o próximo curso xa se ofertarán estes dous tipos de aloxamentos, que serán xestionados por inmobiliarias, tratando de facilitar os trámites aos propietarios.
Inicialmente implicaranse tres hoteis que ofertan cen prazas e, no que se refire aos pisos, o proxecto agarda que se vaian sumando pouco a pouco e irán ofertándose a través da web do proxecto, con vivendas de 1, 2 ou 3 habitacións e cun prezo de partida de arredor de 280 euros. “Todo o aloxamento estará céntrico, preto de todos os servizos que ofrece Baiona, aos que se pode acceder en tempo de entre 5 e 7 minutos, o que permite unha estanza moi cómoda”, explica o presidente da Asociación Comerciantes e Empresarios de Baiona (Aceba), Marcos Comesaña.
Para o transporte porase en marcha unha liña directa de autobuses que conectará Baiona e o campus en 25 minutos, cun prezo que roldará os 70 euros mensuais. Ademais, a idea é seguir sumando sinerxías co tecido económico da vila para poder ofrecer, por exemplo, menús para estudantes a un prezo reducido.
O obxectivo é acadar en cinco anos os 750 estudantes residindo nesta vila do Val Miñor. Preto de 6000 estudantes da Universidade de Vigo (máis de 500 son estranxeiros) teñen a súa residencia familiar fóra da cidade olívica e da súa área metropolitana.