A empresa galega Formato Verde será a encargada da fabricación dos novos colectores que se instalarán nas rúas de Baiona e entregará nas próximas semanas as 85 unidades, ademais de 20 centradores, para levar a cabo de inmediato a substitución.
A aposta do goberno local na procura da mellora do servizo permitiu destinar a este fin fondos do Plan Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra.
Os novos colectores teñen unha capacidade moi superior aos actuais. Así, 65 son de 3.200 litros cada un e os outros 20, de 1.800 litros, o que permitirá reducir a superficie ocupada na vía pública para conseguir rúas máis transitables e diminuír a altura co fin de reducir as barreiras visuais.
“Os novos colectores teñen unha estética moi moderna, máis que colectores de residuos parecen mobiliario urbano e aproveitando esta nova frota se planea a eliminación de varios puntos negros en Baiona con medidas que se levarán a cabo co novo sistema de recollida”, apunta a concelleira de Medio Ambiente, María Iglesias.
Ademais, os colectores serán de fabricación galega de última xeración, cun sistema moi novo de “rotomoldeo” que soporta máis os impactos, facilita a súa limpeza e prolonga a súa duración. Unha das principais características das unidades é que serán herméticos, polo que se reducen considerablemente as molestias ocasionadas polos olores.
Os centradores están destinados a fixar os colectores e que non se movan ante as condicións adversas meteorolóxicas, de forma que a recollida por parte do camión sexa máis sinxela. Tamén axudan a aliñar os colectores de maneira que esteticamente non se perciban en diferentes posicións.
De forma paralela, os concellos de Baiona e Nigrán acordarán no marco da Mancomunidade do Val Miñor a utilización dun camión de carga lateral durante o presente ano e a espera da entrega do novo vehículo municipal que actualmente está en fase de adxudicación.