“Trátase, informou Silva, de 275.000 euros máis do diñeiro que recibiu neste ano 2015 e fíxose a través de criterios obxectivos e equitativos nun plan do que borramos calquera físgoa de discriminación”. Silva engadiu que ten plena confianza no destino dos recursos. “Confío sobre todo nos políticos que se dedican ao mundo local, son os máis próximos, os que mellor entenden as demandas da xente e se que os concellos van usar eses fondos para o ben de veciñas e veciños. Non teño ningunha dúbida”.
Pola súa banda, o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, agradeceu expresamente a Silva o incremento desas axudas que o ano que vén chegarán da institución provincial con respecto a 2015. “Estamos moi agradecidos á Deputación e á Presidenta por confirmarnos todo ese diñeiro, pero tamén pola flexibilidade do plan que nos permite aos concellos decidir a que o destinamos”, dixo.
Tras a reunión co alcalde a presidenta tamén confirmou que as demandas do Concello respecto de infraestruturas estarán reflectidas no Plan Provincial que a Deputación desenvolverá nestes catro anos. “É un plan moi ambicioso con dúas direccións, a do mantemento dos viarios provinciais e outra dacordo cos concellos para a urbanizacion ou reurbanizacion de viarios provinciais que son urbanos ou case urbanos. O que se trata é que ao final destes catro anos Baiona teña moitas das súas infraestruturas en boas condicións”
O plan provincial de turismo será outra das grandes apostas da Deputación no que Baiona será un dos seus referentes. Carmela Silva confirmou que en 2016 xa haberá unha partida específica para elaboralo “de acordo cos concellos a fin de definir as grandes potencialidades desta provincia”. A presidenta da Deputación volveu felicitar ao Concello de Baiona tras conseguir a denominación da súa Festa da Arribada de interese turístico internacional
Silva coincidiu co alcalde no ambiente de cordialidade da reunión. “É o que demandan as veciñas e os veciños, que traballemos e poñámonos de acordo en mellorar as súas vidas porque aínda que teñamos posicións políticas distintas non hai razón para tirarse pedras. Esta reunión foi unha boa proba diso e agradécese porque necesitamos poñerlle tranquilidade ao ruído” subliñou Silva.