Turismo de Galicia enviou xa ao Concello de Baiona as cunchas de bronce que guiarán aos peregrinos ao seu paso polo municipio, dende a súa entrada pola parroquia de Baredo ata a saída por Sabarís.
“Trátase dunha nova iniciativa para por en valor o Camiño pola Costa, xa que temos case dez quilómetros da ruta. Para nos é moi importante que estea recoñecida a ruta de peregrinación porque a nosa vila ten moito patrimonio cultural que amosar aos camiñantes”, explicou o alcalde, Ángel Rodal.
As figuras colocaranse de forma inmediata e veñen a reforzar a sinalización que durante os últimos meses estase a colocar en Baiona para guiar aos peregrinos.
O pasado mes de marzo xa comezou a instalación das nove mouteiras, unha cada quilómetro, que marcan o Camiño. Ademais, tamén coa colaboración con Turismo de Galicia, haberá outros elementos indicativos, como placas de cerámica.
En abril, a Concellería de Turismo levou a cabo a instalación da nova sinalización da ruta Xacobea dende a recentemente inaugurada Oficina de Turismo. Ante o incremento de peregrinos e co obxectivo de ofrecer maior información aos camiñantes, as novas dependencias municipais situadas na rúa Arquitecto Jesús Valverde ampliaron tamén o seu horario de atención aos visitantes e pasa a estar aberta entre as 10:00 e as 14 horas e entre as 16:00 e as 20:00 horas (o horario de verán será de 10:00 a 15:00 e de 16:00 a 21:00 horas).
Balance do 2016
Ao longo do ano 2016, o número de peregrinos que visitaron a Oficina de Turismo foi de 1.640, dos que 405 procedían do territorio nacional e 1.235 foron estranxeiros (75% do total). Respecto a anos anteriores, rexistrouse un incremento do 47,9% sobre 2015. O Camiño de Santiago non pasa exactamente polo punto no que se atopa a oficina, polo que os datos obtidos a través das sondaxes realizadas, son só unha parte das cifras totais.
No balance global, a Oficina de Turismo de Baiona rexistrou o ano pasado un importante aumento de visitas despois de dous anos nos que a cifra descendera sensiblemente. Un total de 115.734 persoas pasaron en 2016 polas instalacións municipais do Paseo da Ribeira para solicitar información na súa visita á Real Vila, superando as cifras dos tres anos anteriores: 2013 (107.280), 2014 (106.862) e 2015 (106.709).