O lucernario que luce o patio interior da Casa do Concello de Baiona será reparado nas próximas semanas dentro das obras do proxecto de conservación e mantemento postas en marcha este luns. Operarios especializados farán os traballos que inclúen a restauración dun dos módulos danados da vidreira, así como a limpeza e revisión do resto para asegurar as fixacións.
Da mesma forma, levaranse a cabo labores de limpeza tanto na terraza do torreón como nas escadas que saen dende a sala de xuntas. Tamén está previsto realizar surcos para desviar a auga e evitar as humidades.
Ademais, as obras tamén afectan as fachadas lateral e traseira, ambas afectadas polas filtracións, que serán eliminadas mediante limpeza e hidrofugado a baixa presión da mesma, saneado de gretas e novo rexuntado na cantería afectada.
Tamén haberá un saneado de carpinterías e cerrallaría, aplicando nova capa de pintura en cor verde; traballos en cubertas, consistentes en eliminación de elementos puntuais deteriorados; limpeza de canos, traballos de impermeabilización das terrazas, execución de trasdosados, falsos teitos de xeso laminado e pintura de paramentos, traballos de electricidade e iluminación e execución de drenaxe no muro lateral do edificio.
O proxecto ten un prazo de execución de dous meses e un investimento lixeiramente superior os 31.000 euros e lévase a cabo grazas ao Plan de Concellos da Deputación de Pontevedra.