O Concello de Baiona vén de informar que nas vindeiras datas comezará a repartir máscaras de protección de adquisición propia entre toda a cidadanía. O reparto farase unha vez que se recibiu a metade do pedido realizado polo Goberno local hai case que un mes. O envío de material atrasouse debido, fundamentalmente, aos “problemas das empresas subministradoras, sobrepasadas pola enorme demanda deste tipo de proteccións”.
En todo caso, o alcalde, Carlos Gómez, explicou que o pedido “fíxose con antelación suficiente e con vistas a que, unha vez rematado o período de confinamento, as veciñas e veciños de Baiona puideran saír ás rúas debidamente protexidos”.
As máscaras de protección serán distribuídas a todos os veciños e veciñas por membros de Protección Civil do Val Miñor e persoas voluntarias de Baiona aos que o alcalde quixo “agradecer extraordinario traballo que están a desenvolver dende o inicio do estado de alarma”.
Dende o comezo da crise sanitaria, Baiona desenvolveu medidas de protección como foron, entre outras, a desinfección dos denominados lugares sensibles como a contorna do centro de saúde, establecementos de alimentación, farmacias e lugares de maior afluencia de persoas; medidas de protección específicas para o persoal municipal que, pola natureza do seu traballo, tiña que estar a pé de rúa; desinfección con ozono dos vehículos policiais e de servizo municipal ou a distribución de pantallas de protección aos comercios locais que tiñan permitido abrir as súas portas.