Despois de que o mes pasado a Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, colocara as doce mouteiras que sinalan o trazado do Camiño pola Costa a través do Casco Histórico de Baiona, este mércores a Concellería de Turismo levou a cabo a instalación da nova sinalización da ruta Xacobea dende a recentemente inaugurada Oficina de Turismo.
Ante o incremento de peregrinos e co obxectivo de ofrecer maior información aos camiñantes, as novas dependencias municipais situadas na rúa Arquitecto Jesús Valverde amplían tamén o seu horario de atención aos visitantes e pasa a estar aberta entre as 10:00 e as 14 horas e entre as 16:00 e as 20:00 horas (o horario de verán será de 10:00 a 15:00 e de 16:00 a 21:00 horas).
Nun acto no que os representantes municipais invitaron aos sectores empresariais e económicos da Vila a coñecer a nova oficina, procedeuse este mércores a inauguración da sinalización. “Sen dúbida estamos na ruta máis bonita do Camiño de Santiago e despois de dez anos traballando conseguimos que xa fose oficial o noso Camiño pola Costa, feito que axudou notablemente ao incremento de peregrinos”, sinalou o alcalde, Ángel Rodal, durante a colocación da nova mouteira.
A concelleira de Turismo, Beatriz González, resaltou o incremento na afluencia de visitantes durante a Semana Santa, de forma especial no que fai referencia a peregrinos de procedencia estranxeira. “A pesar de que a oficina non está no percorrido exacto do Camiño pola Costa é notable a chegada de visitantes solicitando información, polo que o novo horario e a sinalización facilitarán o seu percorrido por Baiona”, explicou.
Balance do 2016
Ao longo do ano 2016, o número de peregrinos que visitaron a Oficina de Turismo foi de 1.640, dos que 405 procedían do territorio nacional e 1.235 foron estranxeiros (75% do total). Respecto a anos anteriores, rexistrouse un incremento do 47,9% sobre 2015. O Camiño de Santiago non pasa exactamente polo punto no que se atopa a oficina, polo que os datos obtidos a través das sondaxes realizadas, son só unha parte das cifras totais.
No balance global, a Oficina de Turismo de Baiona rexistrou o ano pasado un importante aumento de visitas despois de dous anos nos que a cifra descendera sensiblemente. Un total de 115.734 persoas pasaron en 2016 polas instalacións municipais do Paseo da Ribeira para solicitar información na súa visita á Real Vila, superando as cifras dos tres anos anteriores: 2013 (107.280), 2014 (106.862) e 2015 (106.709).