A rúa Elduayen, unha das principais vías de Baiona, quedará pechada ao tráfico a partir das 20.00 horas dos sábados e dos domingos para evitar que “se produzan concentracións de persoas” nos días de maior afluencia de persoas á vila. Con esta medida tamén se procura que a xente poida dispoñer de mais espazo para gardar a distancia interpersoal recomendada polas autoridades sanitarias.
Este peche, que será efectivo ata as 01:00 horas do día seguinte, obrigará aos vehículos que circulen en dirección a Oia e A Guarda a utilizar a circunvalación da AG-57 para desembocar na PO-552. Esa mesma vía pode ser utilizada para acceder pola entrada sur ao urbano de Baiona.
Esta peonalización parcial, engádese ás que tamén os sábados e domingos, e no mesmo horario, afecta ás rúas Carabela Pinta e Cidade de Vigo, “co que se consegue un espazo amplo para o paseo e desfrute de Baiona –como corresponde a un dos enclaves turísticos máis importantes de Galicia– e coas garantías de seguridade precisas”, explica o alcalde, Carlos Gómez.
En todo caso, o rexedor local segue apelando “á responsabilidade cidadá” e insiste en que “estamos ante un momento crucial, no que a nosa actitude persoal, pode marcar a diferencia entre seguir avanzando na nova normalidade ou retroceder, algo que tería consecuencias económicas e sociais imprevisibles”.
Por iso, remata o alcalde baionés, “dende o Goberno local optamos por facilitar espazos amplos e abertos para que a veciñanza e as persoas visitantes poidan vivir Baiona na rúa e con garantías”.