A Xunta e a Asociación de Comerciantes de Baiona acordaron reforzar as conexións de autobús entre a vila e o Campus Universitario de Vigo con novos contratos de transporte público. A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e representantes do colectivo abordaron nunha xuntanza de traballo as novas liñas de autobús.
Os comerciantes e a Xunta coincidiron na oportunidade de fomentar o uso do transporte público entre os estudantes que residan en Baiona. Así, tentarán aproveitar a recente ampliación da cobertura da tarxeta ‘Xente Nova’ que permite viaxar gratis aos menores de 21 anos.
Ethel Vázquez explicou que os contratos da segunda fase do Plan de Transporte Público de Galicia están en fase de contratación, e existe marxe para introducir axustes e melloras. Así, acordaron tamén adaptar os horarios universitarios á liña entre A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán, CUVI, Hospital, Povisa e estación de autobuses de Vigo.
Trasladoulles aos representantes da asociación que os horarios desta liña se adaptarán co fin de prestar un servizo útil aos estudantes. Ademais, analizarase a posibilidade de introducir nesta liña máis paradas no campus universitario.
Tamén se comprometeu coa asociación a analizar na outra liña de autobús que conecta o Val Miñor co Hospital Álvaro Cunqueiro unha parada no campus. Así, Baiona está integrado no Transporte Metropolitano desde 2015, polo que os menores de 21 anos disfrutan do autobús gratuíto coa tarxeta ‘Xente Nova’.