O goberno local de Baiona apostará neste mandato por destinar parte dos fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra a unha reforma integral do parque infantil da Palma.
“Trátase do principal lugar de ocio para os máis pequenos da Vila e temos previsto aproveitar toda a zona coa instalación dun parque totalmente novo”, apunta a concelleira de Parques e Xardíns, María Iglesias.
O proxecto vai destinado a reformar o parque de referencia de Baiona e o Val Miñor e modernizar todas as instalacións. O obxectivo é renovar unha zona de xogos que xa foi construída hai 25 anos e que vai quedando obsoleta en relación aos outros 15 parques dos que dispón o municipio.
O Concello xa definiu as características que terán as novas instalacións e contempla unha ampliación de case 100 metros cadrados para alcanzar un máximo de superficie de 560 metros cadrados de chan continuo. Ademais, estará preparado con elementos para todas as idades e disporá de xogos para persoas con mobilidade reducida ou algunha discapacidade.
Ao longo das dúas últimas décadas o parque da Palma xa foi mellorado con constantes remodelacións, pero neste caso o equipo de goberno local pretende un cambio integral nunha zona máis céntrica e emblemática da Vila por tratarse das instalacións máis utilizadas.
“É o noso parque por excelencia, o máis grande, é contará cun novedoso castelo temático en clara alusión á Fortaleza que o protexe”, engade María Iglesias.
O proxecto conta cun orzamento de licitación de 211.000 euros destinados polo Concello de Baiona a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.