A empresa Cantería Sabarís traballa xa na retirada dos 100 bolardos existentes na rúa Julián Valverde despois de que o Concello de Baiona decidira substituílos para evitar complicacións aos peóns, pese a estar homologados, e á vez embelecer un paseo de máis de 500 metros.
A inversión para a eliminación dos elementos de pedra e a colocación das xardineiras ten un custe lixeiramente superior aos 21.000 euros, a cargo das concellerías de Vías e Obras e Parques e Xardíns, e as labores inclúen tamén a reparación das aceiras a medida que se retiran os bolardos.
A Concellería de Parques e Xardíns será a encargada posteriormente da colocación dunha vintena de xardineiras, así como bancos de pedra que serán colocados en próximas datas.
“O noso obxectivo é embelecer a rúa e evitar que se produzan novos tropezos por parte dos peóns sen que afecte tampouco o desenrolo da feira semanal”, afirma o alcalde, Ángel Rodal.
Varanda en Belesar
Por outra banda, a Concellería de Vías e Obras tamén levou a cabo este mércores a instalación dunha nova varanda na rúa Benedicto Polo, no barrio Medialdea da parroquia de Belesar. O propio persoal do departamento instalou os 45 metros lineais de varanda con ferro galvanizado, tubaxe de diferentes seccións e pintura de color forxa.