A provincia de Pontevedra viviu este martes, Día Mundial do Turismo, unha intensa xornada en torno a este sector estratéxico na que o secretario de Estado, Fernando Valdés, de visita oficial para celebrar a data, anunciou “un investimento histórico” en distintas actuacións turísticas no territorio. Valdés acompañado da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e do alcalde de Vigo, Abel Caballero, explicou na apertura do foro TurisTIC, no Auditorio Pazo de Congresos Mar de Vigo, a posta en marcha dun proxecto de Plataforma de Destinos Turísticos Intelixentes dotado con 130 millóns de euros do que formará parte activa a institución provincial a través da súa integración nun dos grupos de traballo.
Posteriormente, xunto a Carmela Silva, visitou Baiona e O Grove e anunciou alí investimentos que superan os dezasete millóns de euros. Así, a Secretaría de Estado investirá nove millóns na vila do Val Miñor, sete deles para a recuperación das murallas do Parador e a instalación de iluminación exterior, amais de dous millóns destinados a plans de sustentabilidade; e máis de oito millóns en actuacións na comarca do Salnés.
Durante a súa participación na apertura do foro TurisTIC, celebrado en Vigo, o secretario de Estado explicou que o departamento que dirixe está a desenvolver un proxecto de Plataforma Intelixente de Destino dotado con 130 millóns a través dos fondos europeos Next Generation. Valdés indicou que o obxectivo da iniciativa é establecer unha comunicación en tempo real entre os destinos e os e as viaxeiras para mellorar a súa experiencia.
“O destino comunícase co turista, que da información sobre quen é, de onde ven, que lle gusta… Iso permítenos xerar unha experiencia que o cative, e permite aos destinos promocionarse nos mercados”, detallou. A Deputación de Pontevedra, inmersa desde hai anos nunha fonda aposta polo turismo intelixente, participa nesta iniciativa pioneira que Fernando Valdés cualificou de “vangardista” e única no mundo.
A presidenta Carmela Silva subliñou que “a Deputación xa foi a primeira administración na Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, e agora formará parte dun dos grupos de traballo desta plataforma”. A presidenta agradeceu os investimentos en turismo do Goberno de España que desde 2020 supoñen na provincia de Pontevedra ata 31 millóns de euros, cifra que se verá incrementada en próximos meses con convocatorias que están en curso.
A máxima responsable provincial salientou en TurisTIC os investimentos da secretaría de Estado na provincia. “Son máis de 25 millóns só en plans de sustentabilidade no último ano, que permiten que esta provincia teña recursos para esa transformación dixital que merece”, explicou. Carmela Silva agradeceu a Valdés a súa decisión de celebrar na provincia o Día Mundial do Turismo, e o esforzo inversor do Ministerio de Turismo neste territorio.
Investimento en Baiona e o Salnés
O secretario de Estado de Turismo desprazouse a Baiona xunto coa presidenta e anunciou no Parador, acompañado polo alcalde, Carlos Gómez, un investimento de nove millóns de euros para a vila. Sete millóns destínanse a poñer en valor os dous quilómetros da muralla e a instalar iluminación exterior para todo o conxunto patrimonial. Outros dos millóns diríxense a plans de sustentabilidade. “É un día moi especial”, expresou Valdés, quen detallou que dos 81,4 millóns que a secretaría de Estado destina a bens da rede de Paradores, 23,5 millóns destínanse a Galicia, a comunidade do estado que máis recibe, e o investimento en Baiona supón o 25% deses fondos.
“Significa un compromiso co patrimonio e tamén coa cidadanía”, anotou. Respecto aos plans de sustentabilidade, ofrecen unha nova forma de facer turismo, con mobilidade sostible e incorporando as TIC. “É o turismo do futuro”, proclamou o secretario de Estado. As obras, adiantou, executaranse entre 2023 e 2025. A presidenta Carmela Silva destacou o “modelo de transformación” que supón o investimento turístico promovido polo Goberno na provincia e o alcalde, Carlos Gómez, resaltou pola súa banda que “trátase dunha cifra récord para Baiona, un investimento impensable hai pouco tempo, que garante o futuro da vila”.
Posteriormente o secretario de Estado e a presidenta trasladáronse a O Grove, onde, nunha xuntanza da Mancomunidade do Salnés, Valdés anunciou máis de oito millóns de investimentos na comarca a través dos fondos Next Generation. Destinaranse á recuperación de patrimonio, comercio, promoción, dixitalización e apoio ao sector turístico.
Foro TurisTIC
No foro TurisTIC celebrado en Vigo viviuse un intenso e produtivo debate sobre as tendencias actuais no sector e retos de futuro, abarcando desde o turismo de proximidade ata o metaverso. O secretario de Estado resaltou na apertura do foro a forte recuperación do sector turístico trala pandemia e o retorno dos e das visitantes internacionais, que xa está a acadar niveis prepandemia. Ademais, considerou prioritaria a sustentabilidade e a desestacionalización, “con destinos cada vez máis ambiciosos, capaces de atraer turismo todo o ano”.
A tecnoloxía, precisou, non debe ser un fin, senón “un medio para mellorar a experiencia do turista”. Valdés resaltou tamén a oportunidade que supoñen os fondos europeos e a importancia de seguir apostando polas tecnoloxías na adaptación continua do sector “porque hai un cambio de modelo que é un proceso imparable”.
A presidenta Carmela Silva remarcou no foro que “a provincia de Pontevedra está de moda: por paisaxe de costa e interior, por empresas moi potentes que ofrecen experiencias e xeran emocións, e porque o sector e as administracións públicas fixeron un esforzo extraordinario para adaptar a oferta ás novas demandas”.
Ademais apuntou que o modelo da Deputación “ten unha mirada sostible, porque hai que coidar e recuperar o entorno; pensa na xente que vive aquí, porque o turismo debe xerar satisfacción e non problemas; e aposta pola transformación dixital”. Por outra banda mostrou o seu agradecemento ao alcalde de Vigo por ceder o Auditorio Mar de Vigo para TurisTIC e por ser “un político que está no top do márketing turístico”.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, salientou que “estamos a vivir un momento excepcional de recuperación no turismo” e resaltou a “oportunidade extraordinaria” que representan os fondos europeos. “Hai inxentes recursos para o turismo e temos que aproveitar esta ocasión para situármonos na vangarda, con investimento, programación e modernización”, resaltou. O rexedor destacou ademais “a eclosión de Vigo como unha potencia turística” e lembrou que este fenómeno ten repercusión en toda a provincia. “Debemos cooperar globalmente e aproveitar as bandeiras comúns para sacar vantaxe colectiva. Temos que traballar conxuntamente, porque hai unha industria do turismo poderosísima, e facémolo moi ben”, engadiu.
A primeira mesa de TurisTIC versou sobre ‘A realidade do novo turista’. Nela Erich Eichstetter, responsable de Transformación Dixital do Basque Culinary Centre, sinalou entre outras reflexións que “no sector gastronómico houbo unha gran aceleración na adopción de tecnoloxías pola pandemia”, se ben advertiu de que “aínda que a tecnoloxía axuda a coñecer aos turistas, non debemos esquecer nunca a importancia do trato persoal”. Rafa Centeno, chef de Maruja Limón (unha estrela Michelin) observa que, despois da crise sanitaria global, deuse un cambio nos hábitos dos e das visitantes: “Pasaron de planificar para momentos puntuais e estacionais, a vir máis no día a día, xerándose un fluxo de xente de lugares máis próximos que teñen unha mobilidade máis fácil”. Mónica Crisóstomo, de Ideas Peregrinas, indicou que “hai un cambio radical” na procedencia dos e das viaxeiras. “Antes recibíamos peregrinos alemáns, italianos, de Corea do Sur,… Coa pandemia o Camiño pasou a atraer a moita xente do entorno, da propia provincia de Pontevedra: agora damos moito máis valor ao que temos cerca”.
Mar Rodríguez, da axencia Tee Travel, tamén incidiu no aumento do turismo de proximidade e destacou os beneficios de desestacionalizar a oferta, mentres que a moderadora Lorena Varela, xerente da Ruta do Viño, salientou a importancia dos visitantes da provincia, que “son prescriptores alucinantes do territorio, porque o senten como propio”. Sara Sánchez, de Rusticae, ofreceu un relatorio sobre “Turismo de proximidade: posicionarse nun mercado en plena revolución”. Na charla expuxo entre outras conclusións que “os viaxeiros non queren habitacións bonitas ou produtos específicos: queren vivir experiencias”. Ademais, resaltou a alta valoración que teñen as empresas sostibles entre os e as potenciais visitantes.
A segunda mesa redonda versaba sobre ‘Metaverso, o futuro máis próximo do turismo’. Xoel Vázquez, de XOIA Extending Reality, comentou que “o metaverso estase a crear para integrar tecnoloxías que xa empregamos hoxe en día para ofrecer experiencias únicas: realidade virtual, realidade aumentada ou internet das cousas». Vicky Vasán, de Inmersiva XR, engadiu que “a tecnoloxía complementa a realidade e axúdanos a facer outras accións; debemos empregala pola súa utilidade”. Laura Rodríguez, de HotelVerse, considera que o fundamental da tecnoloxía é que “conecta ás persoas e ten un impacto social”, mentres que Lorena Rosende, de Merasys, conclúe que “a finalidade é resolver problemas e a xestión dos datos vai servir para ser máis eficientes, personalizando a oferta turística”.