O Sergas continúa a desenvolver a estratexia para realizar cribados poboacionais mediante a realización de PCR a persoas sen síntomas. Neste contexto, a área sanitaria de Vigo vai invitar a 10.000 persoas a realizarse unha proba diagnóstica nos próximos días. Así, convocará -por este orde cronolóxico- á veciñanza de Baiona, o centro de saúde de Navia, A Cañiza e O Rosal.
A poboación de Baiona empezará a ser cribada este mesmo xoves pola tarde no ‘Covid-Auto’ do Hospital do Meixoeiro. Vanse citar a un total de 3.000 persoas ata o sábado. Esta decisión adoptouse dada a elevada incidencia da Covid-19 mantida nas últimas semanas. Posteriormente, completaranse as probas coa poboación que ten como referencia o ambulatorio de Navia, en Vigo. A Consellería de Sanidade aínda non concretou datas para este cribado. Tampouco se ofreceron detalles sobre o caso da Cañiza.
No Rosal, o Concello indicou que as probas non se van efectuar antes da vindeira semana. Xa están habilitadas a páxina covid.orosal.gal e a web municipal para inscribirse de xeito voluntario. As PCR pasaranse en Vigo, nun lugar aínda por determinar.
A área sanitaria de Vigo ofrece participar nestes cribados a aquelas persoas que cumpran determinados requisitos: estar no rango de idade entre 18 e 60 anos, non ter realizada unha proba PCR nas últimas dúas semanas e dispoñer dun teléfono móbil rexistrado no sistema de avisos ‘Lembra’, que autoriza ás autoridades sanitarias a enviar notificacións a través de mensaxes SMS.
As persoas seleccionadas son contactadas polo Servizo Galego de Saúde e convidadas a realizarse a proba diagnóstica. A súa participación é voluntaria. Primeiro se avisa aos usuarios de que foron escollidos para facer a PCR e posteriormente se lles facilita día e hora para achegarse ao dispositivo sanitario habilitado. Este sistema suscitou queixas nalgúns cidadáns, xa que moitas veces a cita se concreta con menos de 24 horas de antelación e non se dá opción a introducir cambios.