As tres moedas, procedentes dun naufraxio nas augas de Baiona, xa están expostas na Casa da Navegación despois de que a Xunta de Galicia declarada o pasado mes de xaneiro o museo como Catálogo con Colección Visitable, feito que lle permite converterse en receptor de pezas arqueolóxicas para a súa exposición e almacenamento.
O acto de doazón das pezas celebrouse nas instalacións municipais en presenza do alcalde, Ángel Rodal; a concelleira de Cultura, María Iglesias; a directora do Museo, Rosa Villar, e o submarinista Pedro Novalbos. “Gustaríame agradecer esta doazón, que ven a enriquecer o noso patrimonio e poñer en valor a importancia da nosa Vila e a súa estreita relación co mar. Non é unha misión sinxela poñer en marcha un museo e Baiona demostra o seu compromiso coa Cultura”, apuntou Rodal.
Novalbos recordou a labor do exalcalde Jesús Vázquez Almuiña, actual conselleiro de Sanidade, para poñer en marcha o museo e destacou que as culebrinas (canóns ou falconetes achados tamén en Silleiro) seguen a ser algunhas das pezas máis importantes que alberga a Casa da Navegación.
Pola súa banda, Rosa Villar destacou dende a perspectiva do museo a “xenerosa” contribución de Pedro Novalbos. “É un exemplo a seguir porque o patrimonio é de todos e debe estar dispoñible para que o poida desfrutar todo o mundo”, indicou. A directora tamén destacou que “moitas persoas teñen moitas pezas nas súas casas e non as depositan, por iso é tan importante destacar esta doazón”.
Ata o momento descoñecese a que naufraxio corresponden as moedas, pero Rosa Villar non descarta que poida chegar a saberse. “Estou segura de que co tempo poderá ser identificado o pecio ao que corresponden, o que sería moi interesante para poñer en contexto o achado”, engadiu.
As moedas son todas da mesma época, metades do século XIX, e foron sometidas a un proceso de restauración sufragado por parte da Concellería de Cultura de Baiona.
Precisamente Pedro Novalbos, xunto ao historiador e arqueólogo Ramón Patiño, ofreceu este venres no Auditorio do Museo unha charla sobre o achado dos canóns en Cabo Silleiro. A conferencia, titulada “As culebrinas, periplo dun rescate”, forma parte da segunda edición do ciclo “A mar de historias” que organiza a Casa da Navegación.