A danza contemporánea e as letras de cancións de reggaeton que hoxe escoita a mocidade foron as grandes protagonistas da performance de Ruth Balbís hoxe en Gondomar. No marco dunha nova acción do programa da Deputación “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, a artista ourensá levou á Praza da Paradela “Pel continua” para invitar á mocidade a reflexionar sobre o contido de violencia machista que se agocha tras as letras destas cancións e o conseguinte perigo desta violencia invisible. A actuación foi seguida en directo por 60 alumnas e alumnos da ESO do IES Auga da Laxe, así como pola deputada de Igualdade, Victoria Alonso, o alcalde, Francisco Ferreira, e outros/as concelleiros/as.
A acción escénica de Balbís, creada ex profeso para “Violencia Zero”, consistiu nunha peza de danza contemporánea na que a artista suprimiu a melodía de cancións de reggaeton como “Una vaina loca”, de Fuego, ou “Mirándote”, de RVFV, para extraer e analizar as súas letras ao tempo que xogaba a montar e desmontar un “maniquí” cos que representaba a sexualización do corpo da muller nos seus videoclips e a violencia machista presente nas súas letras.
Así, nunha actuación de 30 minutos inspirada na música que escoitan as alumnas as que instrúe como coreógrafa, Ruth decidiu apostar polo emprego dun código conceptual e visual común ás mozas e mozos para facelos reflexionar e facer visible esa violencia que, ata o momento, se amosaba invisible para elas e eles nas cancións que habitualmente escoitan e nos Tik Toks que bailan. Durante o transcurso da acción, a ourensá valeuse tamén de carteis coa estética dos que as tendas empregan nas rebaixas para citar neles cifras como número de visualizacións destes videoclips machistas e comparalos coas dunha canción de Mozart.
Esta foi a vixésimo segunda acción levada a cabo dentro da sexta edición do programa, que este ano ten como lema “Emerxencia cultural, urxencia feminista! Nin un paso atrás na loita contra a igualdade”. “Mulleres en Acción. Violencia Zero” ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Tras máis de 100 accións artísticas por toda a provincia desde o seu inicio en 2015, o programa da Deputación de Pontevedra seguirá reivindicando a igualdade de xénero por toda a provincia ata que remate o ano.