A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, visitaron no lugar de Prado (Gondomar) as obras de mellora da seguridade viaria da EP-2403 que transcorre entre Mosende (O Porriño) e Morgadáns. A Deputación financia integramente esta actuación, que tamén afecta a EP-2404 de acceso a Chenlo (unha pequena vía de menos de 800 metros que transcorre paralela á EP-2403).
As obras teñen un orzamento superior a 1,2 millóns de euros e están divididas en dúas fases, a primeira delas xa está en execución e a segunda será licitada nun prazo de arredor de dous meses.
Carmela Silva cualificou de “cambio transcendental” a actuación nesta estrada provincial de 11,5 quilómetros, xa que “o firme desta vía necesitaba un proxecto ambicioso e este o é”. A presidenta provincial remarcou que na actualidade están en execución as obras da primeira fase deste proxecto, cun orzamento de 530.000 euros, “que van permitir dar seguridade viaria a toda esta zona, de moito tránsito pesado”.
Tamén adiantou que a Xunta de Goberno xa ten aprobado o proxecto da segunda fase coa que se investirán outros máis de 600.000 euros “para que poidamos rematar a actuación en todo o trazado: 1,2 millóns de euros” e que a transformación sexa unha realidade en arredor de oito meses.
A presidenta lembrou que “somos a administración da provincia con máis quilómetros de estradas, máis que a suma das estradas autonómicas e estatais, polo que cómpre entender o enorme esforzo que está a facer a Deputación por telas nas mellores condicións”. De feito, asegurou de forma rotunda, “non hai outra administración que faga un esforzo maior nas súas estradas”. Pola contra, Carmela Silva fixo un chamamento á Xunta de Galicia “para que teña en boas condicións as súas infraestruturas viarias na provincia e concretamente en Gondomar, porque están moi abandonadas”.
O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, puxo en valor a visita como “unha proba máis de que a Deputación está continuamente investindo e inaugurando obras en todos os concellos”, e asegurou que as estradas provinciais de Gondomar “están practicamente todas en óptimas condicións de reparación ou pintado”.
Grazas aos investimentos da institución provincial, asegurou Ferreira, “estamos investindo tanto no centro urbano como nas parroquias, actuando nos 75 quilómetros de Gondomar para facer unha transformación brutal e total do territorio que sen a administración provincial, con programas como o Plan Concellos ou as obras en infraestruturas, sería imposible”. “O antes e o despois é obvio e é brutal”, concluíu o alcalde, “e a cidadanía así o detecta e sabe aprecialo”.
Os traballos
As obras de mellora da seguridade viaria na EP-2403 Mosende-Morgadáns e EP-2404 de acceso a Chenlo consisten no fresado e reposición do firme das estradas, na disposición de nova sinalización horizontal e vertical, na mellora da drenaxe e na instalación de sistemas de contención de vehículos, para o que se optou pola solución de barreiras metálicas.
A primeira fase abrangue desde o punto inicial da EP-2403 ata o quilómetro 6 e o total da EP-2404, mentres que as da segunda fase contemplarán a transformación entre os puntos quilométricos 6 e 11,5 da EP-2403, o final da vía. Con estes traballos, a Deputación inviste 1,2 millóns de euros na transformación destas estradas en Gondomar para adaptalas aos criterios de mobilidade amable, accesible, segura e sostible das infraestruturas provinciais.