Vázquez Mourelle, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, mantivo hoxe un encontro con representantes da asociación de empresarios da Paxase, aos que lles explicaron o proxecto, coincidindo coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Na xuntanza, concretaron que as actuacións previstas pola Xunta na estrada que comunica O Porriño e Gondomar co obxectivo da eliminación dun treito de concentración de accidentes.
O Goberno galego expuxo que a intervención na PO-331 se centrará na zona máis industrializada e na zona un pouco máis rural que rodea e conforma os accesos á zona empresarial.
Entre as actuacións proxectadas, están a execución dunha glorieta para facilitar os xiros e o acceso á zona empresarial na intersección entre a PO-331 e a AG-57 -a autoestrada do Val Miñor-, a reordenación do estacionamento e construción de beirarrúas ao longo dun treito duns 600 metros da estrada PO-331, para facilitar os desprazamentos a pé. Ademais, para reforzar a seguridade viaria, habilitarase un espazo central de separación entre carrís.
De xeito paralelo, tal e como indicou a conselleira, mellorarase o acceso desde a PO-331 ao polígono, co reforzo do firme, nunha zona da estrada na zona máis rural. Ademais, prevese a mellora da seguridade nos pasos peonís, garantindo unha mellor visibilidade coa limitación de aparcamento nas súas proximidades e con iluminación axeitada.
Ethel Vázquez sinalou que o proxecto presentado hoxe aos empresarios non afectará á Zona de Vincios, onde a mellora da seguridade viaria se acometerá cando o Concello de Gondomar acade o consenso necesario cos veciños.
A conselleira enmarcou esta nova intervención na PO-331, no contorno do parque empresarial da Pasaxe, na estratexia da Xunta para ter eliminados os 52 tramos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas no horizonte de 2020.
En concreto na área de Vigo son 18 os puntos negros que estaban identificados. A data de hoxe en 11 deles xa hai obras executadas ou licitadas e os outros 7 están en distintas fases da tramitación. O obxectivo é licitar novas obras nunhas semanas e ter actuado en todos os puntos negros deste área no 2020, cun investimento de máis de 5 millóns de euros.