A Xunta de Galicia anunciou un investimento de 2,6 millóns para evitar as enchentas que causas os ríos Zamáns e Miñor no municipio de Gondomar. A actuación está dirixida a intervencións estruturais no treito do río Miñor, entre a ponte situada na avenida do Conde de Gondomar -augas arriba do colexio- e a ponte da avenida Curros Enríquez; e no treito do río Zamáns, desde a ponte que hai na avenida Elduayen ata a súa desembocadura no río Miñor.
Tamén se propón a execución dunha canle de alivio baixo o novo viaduto, conectando os ríos Zamáns e Miñor para que funcione a modo de desaugüe complementario no caso de episodio de inundacións; así como actuacións nos muros do río Zamáns, elevando a altura do valo existente e executando outro muro pantalla que substitúa ao actual, que está danado.
Ademais, actuarase no rebaixe do río Miñor e adecuarase a zona, eliminando o recheo xunto ao campo de fútbol na marxe esquerda, con actuacións nos paseos, accesos ás pasarelas e outras adaptacións necesarias para mellorar a accesibilidade.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo unha reunión por videoconferencia co alcalde, Francisco Ferreira, e coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, para presentar as actuacións previstas para minimizar as posibles consecuencias do desbordamento dos ríos nesta zona cualificada como de risco potencial significativo de inundacións.
A conselleira salientou que se trata dun conxunto de actuacións, unhas principais e outras complementarias, que a Xunta propón levar a cabo para mellorar a drenaxe na confluencia destes ríos ao seu paso por Gondomar, incluídas na proposta de convenio de colaboración remitido a semana pasada ao Concello.
Proposta de demolición da ponte
Ethel Vázquez concretou a proposta de demolición da ponte da avenida Curros Enríquez, coa construción dunha nova estrutura no río Miñor sobre a estrada autonómica PO-340, de case 85 metros de lonxitude e con tres vanos. Está será a principal actuación e tamén a que suporá o maior investimento, case 1,4 millóns de euros.
A conselleira indicou que a estas intervencións principais sumaranse outras actuacións complementarias, como a adecuación e mellora da zona do paseo Carlos Casares, a limpeza dos leitos de ambos os ríos e a recuperación do bosque de ribeira.
A Xunta xa lle trasladou ao Concello de Gondomar a proposta de colaboración, que segue o mesmo esquema que se segue en todos os organismos de conca en España para este tipo de actuacións. Segundo a proposta de convenio trasladado, a Administración autonómica asumirá o financiamento íntegro de todas as actuación previstas, correspondéndolle ao Concello de Gondomar someter o proxecto a información pública, a posta á disposición e xestión dos terreos necesarios e conseguir as autorizacións precisas, así como recibir as obras e asumir o seu mantemento e conservación, unha vez executadas.
Colaboración do Concello
Ethel Vázquez puntualizou que para acometer estas actuacións se precisa da colaboración do Concello, polo que a Xunta agarda que este dea axiña o visto e prace ao texto do convenio remitido para poder tramitalo e elevalo ao Consello da Xunta para a súa aprobación, e proceder á súa posterior sinatura entre Xunta e Concello.
A este respecto, a conselleira puxo o acento na importancia de que o Concello poida axilizar a tramitación municipal correspondente para o desenvolvemento destes traballos, que están cofinaciados con Fondos Feder 2014-2020 e que deben estar executados na súa totalidade en 2023.
Apuntou que, tras remitir o proxecto definitivo ao Concello e unha vez este realice a tramitación municipal correspondente, o obxectivo da Xunta é poder licitar as obras a mediados deste 2021. Os traballos contan cun prazo de execución de 12 meses.
Mellor preparados ante o cambio climático
Ethel Vázquez lembrou que estas actuacións se enmarcan na liña de traballo que vén desenvolvendo o Goberno galego de cara a estar mellor preparados ante o cambio climático. Incidiu na necesidade destas medidas para reducir o risco de inundacións dos ríos, como o Miñor e Zamáns, que atravesan Gondomar e, tamén para reducir as consecuencias que para a saúde, o medio ambiente ou a economía, poden supoñer as enchentes ocasionais dos leitos fluviais.
No marco desta liña de actuación, desde a Xunta estanse a actualizar os mapas de risco de inundacións da demarcación hidrográfica Galicia-Costa; estanse a desenvolver plans específicos de inundacións en 9 zonas fluviais de Galicia con maior risco de inundacións; e a acometer actuacións concretas nas áreas de risco potencial significativo de inundacións, como as que ten previsto desenvolver en Gondomar.