Os temporais sufridos ao longo do 2017, segundo explicou Benítez, foron os principais protagonistas das actuacións e incidencias atendidas polas brigadas. Os meses de febreiro, cando se produciron as borrascas ‘Kurt’ e ‘Leiv’, e o actual mes de decembro, cos temporais ‘Ana’ e ‘Bruno’, foron os que deixaron o maior número de traballos, con 164 e 86 emerxencias respectivamente, ás que se sumaron os traballos ordinarios dos operarios das brigadas realizados de xeito preventivo e outros atendidos dentro da xornada habitual. O mes de xaneiro foi o seguinte mes en número de actuacións, e o mes de outubro (38) ,coincidindo coa vaga de lunes, estando o resto do ano nunha media de 30 saídas debidas a motivos moi diversos.
Neste 2017 (con datos a 30 de decembro) as incidencias máis habituais foron as retiradas de pólas e árbores nas calzadas (201); seguidas do soporte e atención en accidentes de tráfico, para sinalizar o suceso, retirar elementos da calzada e baldear a vía no caso de que se derramaran líquidos (149); da recollida de animais soltos (52); nevadas ou xeo (49); desprendementos de noiros con terra e pedras (44); fochancas (24); así como asolagamentos (21) e outras actuacións variadas (semáforos sen funcionamento, retirada de tapas de alcantarilla, postes caídos, retirada de metais…).
Zonas da provincia
A zona Centro da provincia, formada polas vías dos concellos de Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Cotobade, Cuntis, Catoira, O Grove, Illa de Arousa, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Pontecesures, Pontevedra, Portas, Poio, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova, estando atendida por tres brigadas con base en Pontevedra, foi a que máis actuacións sumou e acadou 208 actuacións de emerxencia.
A zona Norte da provincia, á que dan servicio tres brigadas dos parques de Codeseda e Lalín, está formada polos concellos de Cerdedo, Dozón, A Estrada, Forcarei, Agolada, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces e chegou a 157 actuacións. O municipio da Estrada foi o que acumulou o maior número de intervencións de toda a provincia, con 58 emerxencias, xa que se trata tamén dun dos municipios con máis quilómetros de vías provinciais.
Finalmente, dúas brigadas da zona Sur atenden a maior extensión do territorio nos concellos de Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, A Lama, Mondariz, Mondariz Balneario, Porriño, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra, Soutomaior, Redondela, Tomiño, Tui, Vigo, Ponte Caldelas, As Neves, Oia, Nigrán, Baiona, Pazos de Borbén e Mos. Nestas vías actuouse tamén en 206 casos dende as bases de Gondomar e Ponteareas.
Os concellos nos que menos incidencias se detectaron este 2017 foron Cambados (2 emerxencias), Poio (1), Portas (2), Dozón (1), Mos (2), O Rosal (1) e Oia (1). Non se recibiron avisos dos concellos de Pontecesures, Vilagarcía, A Illa, A Guarda e Tui, en moitos dos casos polo escaso número de estradas provinciais no seu territorio.
Atención 24 horas
O sistema de emerxencias nas estradas provinciais funciona 24 horas ao día 365 días ao ano. As alertas chegan ao servizo de Vixilancia da Deputación tanto a través da Policía Local do concello afectado, da Guardia Civil, de alcaldes, concelleiros ou de calquera veciño, así como tamén do servizo 112, que activa un protocolo de actuación propio.
O servizo de Vixianza a Deputación encárgase de recoller o nome da estrada na que se produce a incidencia, punto quilométrico e causa e transmíteo á brigada máis próxima das nove existentes. Sempre hai brigadas en cada un dos centros operativos dispostas a saír e no caso de que haxa algunha alerta (mal tempo, lumes…) mantense outra brigada en retén e as demais en garda localizada.
O deputado de Mobilidade quixo destacar o traballo da equipa das brigadas e felicitalas pola súa implicación, fundamental para un correcto mantemento dos 1.700 quilómetros da rede de vías provinciais. «A actuación inmediata das brigadas para resolver incidentes é fundamental para garantir a seguranza viaria, por iso para nós o traballo que fan é básico», subliñou. Tamén volveu recoñecer a labor inxente que fixeron na vaga de lunes do mes de outubro que obrigou a que os servizos de emerxencia das brigadas e maquinaria de propiedade da Deputación, a petición da Xunta de Galicia, estivera traballando sen descanso.