Dende hai anos a CCMM leva imprimindo esforzos na restauración ambiental desta zona procedendo á repoboación forestal con frondosas. Este ano plantou 100 castiñeiros, o 80% para madeira e o 20% para froito. A CCMM pretende deste xeito procurar unha mudanza de especies, crear un cinturón verde de frondosas na parte baixa do monte, aumentando a humidade, previndo incendios e creando solo. Ademais a brigada presente na zona aplicou un bo correctivo á invasión de acacias que invade unha das zonas, eliminando máis de 200 pés. A acacia é unha invasora foránea moi agresiva xa que prende das raiceiras que quedan, sendo moi dificil de eliminar. A súa retirada é crucial para permitir a repoboación de frondosas que se está a realizar.
Colaboración de Verdeval
Para esta actividade contouse coa colaboración da asociación de custodia do territorio Verdeval. Recentemente esta entidade ven de propoñer á CCMM de Peitieiros unha actuación ambiental na zona comprendida entre as Chedas e o Curro vello, unha superficie de 9 hectáreas, na que está enclavada a área na que se plantarán os castiñeiros.
A asemblea de comuneiros celebrada hai quince días aprobou a cesión desta superficie para a coxestión ambiental da parcela con Verdeval.
Finalizada a plantación, os responsables de ambas entidades asinaron o convenio de colaboración que sostén esta colaboración e que permitirá ao voluntariado da entidade a colaborar na xestión ambiental desta parcela.