A Deputación de Pontevedra iniciou as obras de acondicionamento e adaptación do punto limpo de Gondomar para a xestión e reciclaxe dos residuos eléctricos e electrónicos (RAEE), no marco do proxecto ESTRAEE. A actuación, cun orzamento de 35.307 euros, permitirá que a veciñanza conte cun espazo totalmente renovado no que depositar, para a súa reciclaxe, todo tipo de electrodomésticos, aparellos informáticos ou televisores, entre outros.
No punto limpo de Gondomar, situado no lugar de Hervillás (parroquia de Vincios), as obras tiveron que retrasar o seu inicio xa que estaban a espera de permisos necesarios. En concreto, vaise construír un almacén propio de RAEE, totalmente pechado, con soleira impermeabilizada e arqueta para recollida de posibles derrames. Amais, no nivel inferior haberá un edificio para almacén e reutilización. Doutra banda, instalarase iluminación e tamén un sistema de protección contra incendios e paneis indicativos.
O proxecto Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (ESTRAEE) conta cun orzamento total de 2.145.000 euros e ten por finalidade impulsar no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). Está soportado ao 75% polo fondo FEDER, que achega algo máis de 1,6 millóns de Pontevedra. A Deputación e o resto dos socios achegan os 536.381 euros restantes -a institución provincial destinou 227.000 euros do seu propio orzamento e o resto dos socios españoles, Revertia, ERP España e EnergyLab, e portugueses, ERP Portugal e Liport, achegan o resto-.
Esta iniciativa permite o cumprimento da normativa europea e española sobre o tratamento do lixo tecnolóxico adaptando os nove puntos limpos da provincia: Meaño, A Guarda, A Lama, Gondomar, Nigrán, Mancomunidade do Morrazo (Bueu, Cangas e Moaña), Ponteareas, Silleda e Vilagarcía de Arousa.