O festival de danza Corpo(a)terra cambia de escenario e estrea nova sede en Gondomar, ademais de repetir extensión na localidade ourensá de Allariz por quinto ano consecutivo. A cita coas artes volve recibir o apoio da Xunta de Galicia para celebrar a súa undécima edición, que desde hoxe e ata o sábado 4 de setembro desenvolve unha versión adaptada á situación sanitaria.
Esta undécima edición de Corpo(a)terra contará con destacadas compañías galegas, tanto emerxentes como consolidadas, entre as que estarán Marcia Vázquez, Cía Qabalum, Alba Troiteiro e Nova Galega de Danza, ademais da intervención artística de María Roja. Así mesmo, en Gondomar actuarán Álvaro Murillo, de Estremadura, e as compañías catalás de Javier Guerrero e La Intrusa, ademais de se presentar o proxecto internacional Draconis Lacrimae, de Pablo E. Lilienfeld e Federico Vladimir Strate Pezdirc, nun formato especial.
Ademais, nesta undécima edición realizarase unha versión limitada de Enxebre’danza, o programa de formación do festival, que terá lugar os días 3 e 4 de setembro no Pavillón de Deportes Bernabé Costas. Pola súa banda, a extensión de Allariz desenvolverase mañá coa participación de Paula Quintas, a compañías Chey Jurado e Akira Yosida e o músico Nacho Muñoz, entre outras propostas.
No seu formato reducido, bautizado como C(a)t, o festival é unha das nove mostras subvencionadas este ano pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través da modalidade de axudas a festivais de artes escénicas, dotada con 200.000 euros. Así o detallou este mediodía o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, durante a presentación do evento na Casa do Concello de Gondomar, na que xunto ao alcalde, Francisco Ferreira, tamén participaron Marta Alonso, Begoña Cuquejo e Paula Quintas, directoras do evento organizado pola Asociación trasPediante Cultura. Contouse, ademais, coa intervención artística de Marcia Vázquez, unha das representantes galegas na carteleira deste ano.
Plan de reactivación do sector
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade incidiu en que a Xunta promove este verán máis de 3.000 actividades a través de moi diferentes iniciativas e circuítos nos que as artes escénicas teñen unha importante presenza, como é o caso de Cultura no Camiño, a Rede Galega de Teatros e Auditorios ou o novo programa Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio, que acaba de pechar a súa primeira edición tras rexistrar un cheo case total nos 27 espectáculos ofrecidos en espazos singulares de toda Galicia.
Pola súa banda, o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, agradeceu as palabras das directoras do evento, que loaron a boa disposición da vila condal para acoller a cita, e amosou a disposición do goberno local e do seu concelleiro de Cultura, Juan Bas, para manter a colaboración. «Podemos presumir de que Gondomar sempre foi un referente cultural e aquí tedes as portas abertas e a alfombra vermella», sinalou o rexedor.