Potenciar a riqueza natural do municipio como un elemento máis de interese e atractivo turístico é un dos obxectivos da nova ruta botánica que vén de impulsar o Concello de Gondomar para dar a coñecer o patrimonio vexetal dos parques urbanos da localidade.
O itinerario partirá da actual Oficina de Turismo, onde un panel inicial marcará o percorrido total que discorre polas principais zonas verdes de Gondomar como poden ser o Parque das Rosas, o Parque das Ánimas ou a Alameda de San Benito, pasando pola Praza Paradela, o parque da Coelleira para finalizar no Antigo Matadoiro.
Ao longo do percorrido estarán sinalados os lugares máis emblemáticos cunhas pequenas placas cun código QR que permitirán coñecer diversos detalles como o seu lugar de orixe das especies elixidas, o seu nome científico, ou as súas principais características.
A nova ruta botánica de Gondomar é un paso máis na recuperación das zonas verdes e lugares de lecer para os cidadáns, un dos obxectivos que desde un primeiro momento marcouse o goberno de Paco Ferreira apostando por facer peonil o caso urbano seguindo o camiño aberto coa remodelación acometida na Praza Paradela, e a creación de zoas de lecer para o uso e goce da veciñanza.
Búscase poñer ao alcance de toda a veciñanza e visitantes espazos, ás veces descoñecidos, achegándolles a correcta integración que se logrou nos últimos anos entre elementos arquitectónicos que definen a identidade do municipio coa variedade vexetal e paisaxística, singulares, en moitas ocasións.
Gondomar, concello adscrito a Vilas en Flor, ostenta xa un galardón desta asociación que recoñece a aqueles pobos e cidades que destacan por “unha actuación real, consciente e a longo prazo en materia de axardinamento, medioambiente e mellora da calidade de vida dos seus habitantes”.