“O Entroido volverá”. Este era o retrouso do vídeo editado polo departamento de Cultura o pasado mes de febreiro cando se anunciaba a suspensión destas festas. «Poñíanse uns puntos suspensivos a un programa que tiñamos claro que iamos recuperar”, afirma o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira. No seu día xa se comprometeu “a celebralo nos meses de verán, a desempoar disfraces, máscaras e as ganas de divertinos no mes de xullo”.
De esta forma este sábado 17 de xullo a partir das 17.30 horas darase pistoletazo de saída á que será a I Edición do Entroido de Verán de Gondomar, á que se convida á cidadanía pero tamén a todos e todas os que estean interesados en visitar o municipio para sumarse a esta festa coas súas mellores galas carvaleras para rir e pasar un bo intre.
O Entroido de Verán virá acompañado polo grupo Sarao Animación que durante toda a tarde animará as rúas coa súa “Fantasía de circo” na que 10 personaxes fantásticos e relacionados coa vida circense animarán as rúas do centro de Gondomar co seu carro musical, desde o que convidarán a bailar a grandes e pequenos, aos que se propoñerán xogos para que se somen a eles durante toda a tarde.
Música e animación
E para a ocasión de novo en Gondomar os acordes e a música das tan esperadas orquestras que volven aos poucos a soar nas localidades e recuperar a súa actividade tras un ano realmente crítico para o sector.
Na Praza Paradela, a partir das 21,00 horas, aproximadamente, a Orquestra Trío Azar amenizará o serán deste entroido tan esperado e que Gondomar confía en que se festexe ao grande, sentando un precedente que sirva para pensar en novas edicións para os próximos anos.