Gondomar conta xa cun novo aliado na loita por coidar o medio ambiente e contra o cambio climático. Trátase dun ‘miniecopunto’ que rotará a súa localización pola vila para chegar así ao maior número de persoas posible. O primeiro espazo no que se colocará será a Praza de Abastos para posteriormente ser trasladado por períodos de 15 días -que serán anunciados con anterioridade- aos centros culturais das parroquias de Gondomar, así como aos CEIP Chano Piñeiro, Neira Vilas e Serra Vincios, Souto Donas e os IES Auga da Laxe e IES Terra Turonio.
Este ‘miniecopunto’ ten tres caixas de recollida destinadas especificamente para os teléfonos móbiles e tabletas, pilas e cargadores, que poderán ser depositados alí pola veciñanza e que posteriormente trasladaranse ao punto limpo. Gondomar contará, ademais dun espazo específico no punto limpo, cunha nova transpaleta no recinto para facilitar a recollida e almacenamento dos residuos.
Esta acción complétase cun tótem informativo situado nun lugar accesible a todos para achegar datos sobre o proceso de reciclaxe e reutilización destes materiais, así como sobre a súa capacidade altamente contaminante. “Con feitos e accións concretas seguimos avanzando na nosa aposta clara por converternos nun municipio referente na loita contra o cambio climático, así como en materia de reciclaxe e reutilización dos residuos electrónicos e eléctricos”, manifestou o alcalde Paco Ferreira, quen subliñou “que neste labor queremos implicar a toda a poboación facilitándolle os medios necesarios para desbotar de forma segura os produtos que xa non usan”.
Esta medida enmárcase entro do proxecto de Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión de Rediduos e Aparalleos Electónicos (ESTRAEE), promovida pola Deputación Provincial e á que se adscribiu o concello de Gondomar. A súa finalidade é impulsar no espazo Galicia-Norte de Portugal a xestión do lixo electrónico.