O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, poñerá ao dispor da Xunta de Galicia as instalacións das antigas escolas unitarias do municipio para o seu uso na volta ao cole o próximo mes de setembro. Deste xeito, o Concello quere favorecer a repartición de alumnos en máis aulas garantindo, na medida da posible, un ratio inferior nas clases como recomendan as autoridades sanitarias ante o avance dos rebrotes da Covid-19.
Concretamente, ofreceranse un total de 7 centros: as instalacións das escolas de San Cibrán, Moreiras e Nande (Mañufe), Borreiros, Prado, Vilas e Fraga, ao que se suman tamén espazos públicos como a Casa da Cultura ou os pavillóns municipais “se a consellería de Educación o requerise”.
“Isto permitiría desconxestionar as aulas escolares do municipio, achegarnos a cocientes menores e contar con espazo necesario para establecer as distancias mínimas interpersoais nas clases, traballando por unha volta ao cole o máis segura posible para o alumnado”, sinalou Paco Ferreira. Ademais, “é unha oportunidade para recuperar e implantar modelos educativos cun ensino máis próximo e descentralizado que aposten polo rural e a súa revitalización”, engadiu o rexedor.
Como referente destaca a existencia no municipio de cinco Colexios de Agrupación Rural (CRA) (Vilaza, Chaín, Couso, Guillufe, Peitieiros e Chaín), cunha aposta clara por “unha educación viva e activa”, destacando o potencial do entorno natural e os elementos que ofrecen como base de inspiración do proceso creativo do alumnado.
Ferreira confía en que a Consellería de Educación acepte esta iniciativa e insiste en que neste momento é prioritaria “a colaboración entre administracións. Como alcalde e como goberno faremos todo o que estea nas nosas mans para ofrecer a máxima seguridade aos nosos veciños e veciñas”.