A vila de Gondomar viviu a pasada fin de semana de festas unha das grandes celebracións do verán, San Bieito 2021, que se pechou este luns coa música do grupo La Patrulla. Este ano rendiuse a homenaxe ao Patrón do municipio recuperando as verbenas e as atraccións para os máis pequenos, ausentes hai un ano.
A música, os actos litúrxicos e a diversión para grandes e pequenos combínouse no programa preparado para estes días, que arrincou o 9 de xullo coa actuación da “Banda de ayer”. Os días grandes chegaron coa actuación das orquestras Asia e Marbella, así como a Banda de Vincios, para pechar o programa este luns co grupo La Patrulla, actuacións todas elas que se desenvolveron nas Pistas das Cercas.
Gondomar xa se prepara para a próxima celebración. O alcalde, Paco Ferreira, xa lembrou a pasada semana que “o prometido é débeda” e nese sentido apunta o compromiso adquirido en febreiro cando o Entroido 21 tivo que suspenderse ante o elevado número de contaxios da covid19.
“Entón dixemos que o iamos a pospoñer uns meses e que o dariamos todo no noso I Entroido de verán«, afirmou o alcalde, que lembrou que se celebrará o próximo día 17 de xullo con animación, actuacións musicais e moitos disfraces nas rúas de Gondomar.