O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, acompañado polos seus homónimos de Baiona e Nigrán, Carlos Gómez e Juan González, respectivamente, así como a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, inauguraron este novo taller dando a benvida aos alumnos e alumnas que “unha vez máis cubriron rapidamente as prazas previstas demostrando o interese que suscitan estas convocatorias”.
Como en ocasións anteriores o taller estará dividido en dous grupos de 10 alumnos por especialidade que ademais de formarse e obter os certificados de profesional correspondente (limpeza de superficie e locais, e, emprego doméstico e atención sanitaria), durante o período de 9 meses que asistan ao taller de formación percibirán o Salario Mínimo Interprofesional.
Subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade cun orzamento de 346.946 euros pertence aos tres concellos da mancomunidade e execútase en Gondomar. O rexedor deste concello, Paco Ferreira, subliñou precisamente o feito de “que a colaboración de administracións en materias tan sensibles como a xeración do emprego é fundamental como demostra o éxito das edicións de talleres xa celebradas anteriormente nas que un 50% dos participantes lograron inserirse no mercado laboral”.
Unha idea na que coincidiron os distintos representantes políticos presentes no acto, que animaron aos beneficiarios e beneficiarias deste novo obradoiro “a esforzarse e aproveitar a oportunidade de formarse e adquirir novas ferramentas para adecuarse ás demandas do mercado laboral”.