O Concello de Gondomar finalizou a recuperación do Peto de Piñeiro en Peitieiros, executada nos últimos meses, no marco do Plan Concellos da Deputación Provincial, dotando a zona dun espazo público novo e totalmente recuperado para o goce dos veciños e visitantes que se acheguen ao municipio. Paco Ferreira subliña que “recuperar aos poucos a gran riqueza patrimonial e etnográfica coa que contamos é un dos obxectivos deste equipo. Estas pezas forman parte da nosa historia e, sen dúbida, é un atractivo turístico que se suma aos moitos que xa ten Gondomar”.
A actuación ademais da recuperación do Peto das Ánimas e a ‘levada de Galles’ incluíu a creación dun espazo de reunión e lecer na súa contorna, así como a protección do elemento arquitectónico. A isto sumouse unificación do pavimento da zona, a eliminación de tendidos aéreos da rede eléctrica e de telefonía, e a instalación de novas luminarias encaixadas en todo o lugar.
Actuouse ademais sobre a recollida de augas pluviais coa creación de sumidoiros lonxitudinais que atravesan as rúas, de maneira que se recollen da superficie do pavimento e condúcense cara ás regas tradicionais existentes na zona. O Peto das Ánimas de Piñeiro, construído en 1880, sitúase nun camiño que en épocas pasadas conectaba o centro da parroquia de Peitieiros e a súa igrexa de San Miguel (século XII) co centro da vila, a través dos camiños dos Amados, Raxas e a Ponte das Ánimas.