A Praza da Paradela retomará este xoves, a partir das 22.30 horas, o programa de actividades “Gondocultura” coa actuación do artista gondomareño Rubén de Lis, suspendido a pasada fin de semana debida ás pésimas previsións meteorolóxicas anunciadas para aqueles días.
Será a primeira dunha serie de actividades que se retoman e desenvolveranse ao longo de toda a fin de semana como a actuación do grupo “La Franga”, o venres a partir das 22.30 horas ou a actuación do premiado espectáculo circense “Xampatito Pato “Só”, que chega a Gondomar o sábado 31 á Praza Paradela. Os asistentes poderán gozar do espectáculo galardoado en numerosos festivais no que o seu creador, Jesús Velasco, preséntanos un personaxe obsesivo, cuadriculado e rodeado de caixas que escapan ao seu control. Desde o caos xorde un universo onde non faltará a tolemia cómica que fará a delicia de todos.
Gondocultura pechará a fin de semana coa actuación da Burgas Big Band, concerto que vén da man de Musigal promovido pola Deputación Provincial de Pontevedra. Sobre o escenario da Praza da Paradela 15 artistas que tocarán clásicos de Swing, Twist, Boleros, Rock and Roll… que non deixarán a ninguén indiferente.
Reserva entradas
O goberno local de Gondomar lembra que o sector da cultura demostrou en todo momento ser seguro e que é un dos máis prexudicados durante a pandemia. Por iso manteranse as actuacións en espazos abertos, e “en todo momento atendendo a normativa vixente covid19, suxeita neste momento á orde da Xunta publicada o pasado 22 de xullo no Diario Oficial de Galicia”.
Ademais de respectar os aforos e acoutar as zonas ás que poderá acceder o público, será necesario reservar previamente as entradas para os distintos eventos dispoñibles no despacho de billetes electrónico. Será obrigatorio o uso de máscara, o xel hidroalcohólico e deberán manterse sentados no lugar asignado e dispoñerase dun dispositivo de control para evitar a aglomeración de persoas no exterior do recinto acoutado.
“A cultura é segura, e demostrouse”, asegura o alcalde Paco Ferreira, quen apunta que “todo apoio que podamos dar, sempre respectando as medidas de seguridade é importante seguir adiante coa axuda de todos e todas” nun claro chamamento á veciñanza para que “sigamos respectando as medidas que nos impoñen, que impere o sentido común e resistamos un pouco máis para que todo volva aos poucos á normalidade”.