Rodríguez e Ferreira mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo en Santiago para avaliar as posibilidades de aprazamento ou fraccionamento no pago da débeda. O responsable autonómico comprometeuse a analizar «coa mellor vontade» calquera proposta razoable que achegue o concello. «Non nos opoñemos a estudar nin un aprazamento nin un fraccionamento que, tendo presentes as posibilidades do concello, preserve tamén os intereses de Augas de Galicia», explicou.
Durante a reunión, aínda que non era o motivo da convocatoria da mesma, o director de Augas e o alcalde abordaron tamén a situación da obra pozo de bombeo, que agora mesmo se atopa paralizada polo Goberno local.
Ao respecto, Rodríguez manifestou de novo a súa preocupación por esta situación, así como a súa disposición para desbloqueala. O director de Augas de Galicia volveu insistir na importancia que ten esta obra, que permitirá mellorar o saneamento do concello, que segue sendo un «tema pendente, co dano medioambiental que isto conleva para o río Miñor».