Gondomar trasladou este xoves a súa “repulsa, condena, dor e indignación” ante o novo crime machista que rematou coa vida de Soledad Rey, a veciña de Mañufe de 59 anos presuntamente asasinada pola súa parella. A vila e as autoridades presentes trasladaron a súa dor e condolencias á familia e amizades da vítima.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, foi a encargada de dar lectura ao manifesto do Concello na concentración de condena convocada na Praza da Paradela, á que tamén acudiron a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, o coronel da Garda Civil da Comandancia de Pontevedra, Simón Venzal, o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, a corporación e moitas veciñas e veciños da vila do Val Miñor que acompañaron á familia de Soledad.
Na lectura do manifesto, que precedeu ao minuto de silencio, a mandataria provincial expresou a condena rotunda de Gondomar a este asasinato machista. “Basta xa a este terrorismo que está a acabar connosco. Non podemos, como sociedade nin como administracións, mirar cara a outro lado. Ao contrario, alzaremos cada vez máis a nosa voz para denunciar estes asasinatos e a violencia machista ata conseguir erradicala, lograr a violencia cero”, dixo.
“O crime de Soledad Rey Varela demóstranos que non debemos baixar a garda, que non podemos, como cidadás e cidadáns, permanecer impasibles ante esta violencia terrible contra as mulleres que ataca directamente a saúde dunha sociedade que quere ser realmente democrática e igualitaria. É un labor de todas e de todos axuntar esforzos nesta loita. Como persoas decentes non podemos mirar para outro lado. Temos que sinalar sen rubor e sen medo ao presunto agresor ou calquera caso que podamos coñecer. E temos que apoiar e acompañar ás vítimas desta violencia nun camiño que debemos de percorrer todas e todos, xuntas e xuntos”, engadiu.
A presidenta provincial finalizou a lectura do manifesto cunha apelación a todas as administracións. “Temos que incluír nas axendas políticas dos partidos a violencia machista como un asunto prioritario. Ten que ser unha cuestión de estado, e temos que dotar das partidas orzamentarias e recursos necesarios á prevención e atención integral das vítimas. Recursos que tamén debemos destinar á educación como ferramenta coa que fortalecer a responsabilidade individual e colectiva para crecer en Igualdade.
“Necesitamos terminar, rematou, cos estereotipos de dominación patriarcal instaurados durante séculos na nosa sociedade que son realmente o xerme da violencia machista. A violencia que acabou coa vida de Soledad, coa vida de máis de 1074 mulleres dende o 2003. Violencia machista contra a que volvemos berrar ‘Basta xa’!”.