No acto os convocantes sinalaron existe unha «discriminación por parte do goberno do PP ao Val Miñor respecto doutras comarcas como O Morrazo ou O Salnés, que desfrutan de autovías autonómicas gratuítas». Se estiver libre de peaxes, a AG-57 serviría de circunvalación ao Val Miñor, mellorando a mobilidade xeral na comarca e eliminando o tráfico de paso polos núcleos urbanos.
«Desconxestionaría as estradas Vigo-Baiona, evitando atascos na Ramallosa, principal nó de conexión dos tres concellos; e Vigo-Gondomar, ao seu paso por Vincios, humanizando a parroquia. Contribuíndo a mellorar a calidade de vida e reducir a siniestralidade e os riscos asociados a este tráfico, que en moitos casos é tráfico pesado», sinalan desde o BNG.
Os nacionalistas explican que a vía tamén serviría de conexión directa, rápida e gratuíta co hospital Álvaro Cunqueiro, e con outros centros médicos, de ensino, administrativos e de servizos da área de Vigo; e melloría a competitividade e a conectividade dos parques empresariais da Pasaxe-Vincios (Gondomar) e de Porto do Molle (Nigrán), e destes coa AP-9.
«Denunciamos tamén a ridiculez e irrelevancia da medida anunciada por Feijóo de reducción nas peaxes en horario nocturno xa que ten unha incidencia mínima na mobilidade e os desprazamentos que realiza a veciñanza do Val Miñor tanto por razóns de traballo como para as diversas xestións persoais (de saúde, ensino, administrativas, de ocio,…). No podemos consentir que, ao ser de pago a AG-57, usala se converta nun sobre custo nos desprazamentos ou que, para evitalo, simplesmente non se use”, aseguran.
Desde o BNG apostan polo rescate da AG57 para a súa xestión pública e pola supresión das peaxes nesta autoestrada, demandas sociais que afirman que contan con amplo respaldo na comarca, indicaron os representates municipais do BNG no Val Miñor.
Nese sentido, o deputado Luís Bará anunciou que “o BNG presentará mocións nos concellos e no parlamento galego, e presentará unha emenda aos Orzamentos da Xunta para o ano 2020 co obxetivo de destinar unha dotación económica á realización do estudo da viabilidade da supresión das peaxes e do rescate da concesión da AG-57, para poder tomar desde o goberno galego as decisións sobre a súa
xestión”.