A historia do viño galego garda uns vínculos extraordinarios co desenvolvemento de Europa, unha trama singular que analiza o estudo histórico “A marabillosa historia do viño en Galicia”, do xornalista Luis Congil. Desde a afección da Casa Real británica polos caldos do territorio das Rías Baixas -aspecto pouco divulgado ata hoxe-, ata a presenza de viños galegos na América recén descuberta, pasando pola importancia dos fretes dos barcos de peregrinos para distribuír o viño por toda Europa, a historia do viño en Galicia é, en certa medida, a historia do vello continente.
“O viño galego vive unha segunda idade de ouro”, afirma o autor, “que repite hoxe en día -como amosan os numerosos premios recibidos e as cifras de exportación- o éxito global do viño galego na Idade Media, cando fluía por todas as arterias comerciais da `Marisma de Castela´, desde os portos galegos e cantábricos ata Inglaterra, Holanda, Italia e toda Centroeuropa”.
“A historia do viño galego é unha ferramenta para xerar valor engadido no sector”, afirma o autor, “que ademais nos serve para aprender mirando ao pasado os erros que non se deben repetir: os que remataron con aquela primeira idade de ouro”. Estes perigos a evitar serían perder de vista os movementos internacionais, así como deixar de vixiar aos mercados e ás tendencias, mentres que unha lección a aprender sería o enorme potencial dos propios valores diferenciais, “como é hoxe a riqueza das nosas variedades tradicionais, recoñecidas e admiradas en todo o mundo”.
Casa Real británica e o duque de Bristol
Un dos exemplos máis significativos da penetración dos viños galegos en Europa é a que protagonizaron a Casa Real británica e o I conde de Gondomar, Diego Sarmiento de Acuña, no que o libro cualifica como unha verdadeira “diplomacia do viño”.
Segundo documentos que custodia a Biblioteca Nacional Española, que xa foran estudiados en 1974 polo diplomático Luis Tobío e que agora reproduce “A marabillosa historia do viño en Galicia”, a corte do rei inglés Xacobe I tiña aos viños do actual territorio das Rías Baixas entre os seus favoritos, grazas as frecuentes remesas que transportaba o embaixador español, o conde de Gondomar.
En varias ocasións, Diego Sarmiento de acuña fretou flotas enteiras cargadas de viño das súas posesións no Val Miñor e doutras zonas da actual provincia de Pontevedra (Salvaterra e Soutomaior) ademais de con viños do Ribeiro, e recoñeceu na súa correspondencia que usaba os seus salvocondutos diplomáticos para introducir en Inglaterra “ata 30 toneis ao ano”.
Cos caldos galegos, o conde de Gondomar articulou unha verdadeira “diplomacia do viño”, destinada a incrementar a súa influencia sobre o monarca inglés e frear o poder de sir Thomas Raleigh (introdutor, pola súa banda, da pataca e do tabaco de América). E gañou a batalla: o outrora favorito da raíña Isabel I rematou executado.
Pero non foi o único persoeiro histórico en desfrutar dos viños que Gondomar regalaba profusamente na corte británica (os máis finos, posiblemente tostados do Ribeiro) “en cubetas de prata dourada” -segundo escribe o propio Diego Sarmiento de Acuña nunha misiva-. O Chanceller Maior do Reino, man dereita de Xacobe I e pai do método científico moderno, sir Francis Bacon, tamén foi obxecto dos regalos do conde de Gondomar en xeito de viño galego, e de feito, mantivo con el unha grande amizade.
Francis Bacon correspondeulle a esa amizade forxada a base de viño galego regalándolle un exemplar do Atlas de Saxton de 1579, a primeira representación moderna de Inglaterra, unha verdadeira xoia cartográfica. É moi probable que estes viños, especialmente os tostados, foran consumidos polo rei e por Francis Bacon a culleradas, excentricidade que se estendera pola corte inglesa nesa época.
Esta e moitas outras historias sorprendentes sobre a historia galega, narrada a través dos seus viños, son o obxecto de “A marabillosa historia do viño en Galicia”, un libro en gran formato a toda cor, con máis de 200 ilustracións e reproducións de documentos e fotografías inéditas.
Luis Congil é xornalista e divulgador do viño. Impartiu os módulos de Historia do Viño en Galicia no Máster de Enoloxía da Universidade de Vigo, e é autor de numerosos artigos e publicacións sobre a viticultura en Galicia.
O libro será presentado nunha conferencia no Museo da Cidade da Cultura en Santiago, ás 18:30 do próximo mércores 15 de xuño, como acto final do Salón Fevino que se desenvolve no Gaiás. Previamente, o martes 14 de xuño, no restaurante A Tafona, en Santiago, o autor celebrará unha rolda de prensa acompañado de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, César Llana, director do Museo do Viño de Galicia, Ignacio Vilar, director de cine, José Luis Mateo, galardoado viticultor de Monterrei e impulsor dunha das 100 mellores adegas do mundo, según The Wine Advocate, e Lucía Freitas, propietaria do Estrela Michelín compostelán.