Paula Bouzós será a candidata do PP á alcaldía de Gondomar nas municipais de maio. Así o propuxo por unanimidade a xunta local do partido ao presidente provincial, Luis López, nunha reunión que mantiveron a noite deste mércores na súa sede, e á que tamén acudiu a secretaria xeral, Luisa Piñeiro.
Luis López destaca “o importante traballo e compromiso” de Paula Bouzós desde o ano 2017, “facendo unha labor fundamental para unir o partido”. Di que esta unión é importante para acadar resultados. “Ter un equipo sólido e un proxecto real son fundamentais para converternos na alternativa seria que precisa Gondomar”, e subliña que o traballo que Paula e o seu equipo están facendo nos últimos anos é fundamental. Por iso, pediulles que nestes meses que quedan ata as eleccións, é importante intensificar a súa presencia na rúa. “Escoitar aos veciños, entender cales son as súas preocupacións e explicarlles cal é o noso proxecto para eles”, engade.
Tamén Paula Bouzós incidiu na importancia da unión e de traballar xuntos para conseguir o cambio que necesita Gondomar. “Estamos traballando duro para crear o mellor equipo, e conto con todos, cos que estarán nesa candidatura, pero tamén con cada afiliado e simpatizante deste partido. Todos somos importantes e imprescindibles para ofrecer a nosa mellor versión para Gondomar”. Amósase ilusionada e con forza para volver a liderar a candidatura e recorda que “o Partido Popular é a alternativa ao desastre de Goberno de Paco Ferreira e do PSOE, un goberno esgotado e sen iniciativa. Gondomar está parada e necesita botar a andar”.
Paula Bouzós ten 48 anos, é presidenta do PP de Gondomar desde 2017. Nas municipais de 2019 encabezou a candidatura dos populares, e xa foi concelleira de Ensino, Turismo e Industria no Goberno municipal entre 2011 e 2015.