A morte dun mariñeiro e a desaparición doutro no naufraxio do pesqueiro de Baiona este luns nas Cíes conmocionou ao Val Miñor. Os concellos de Baiona e Nigrán, de onde procedían as víctimas, declararon o loito polas vítimas do «Marsua J» e paralizaron a súa actividade en solidariedade coas familias e compañeiros do mar.
Así, o Concello de Baiona decreta dous días de loito oficial, ante a triste noticia do falecemento do mariñeiro baionés José Manuel Freire Leyenda, de 41 anos, e a desaparición do armador Jorge Emilio Martín Costas, patrón da embarcación e veciño de Panxón de 52 anos, cando faenaban á altura das illas Cíes. Así, o Concello decidiu suspender todos os actos previstos para o martes 25 e mércores 26 de febreiro.
Pola súa banda, o Concello de Nigrán anunciou tamén que suspendía todas as súas actividades festivas e culturais previstas namentres continúen os labores de busca do patrón desaparecido no naufraxio. «En nome de toda a veciñanza, traslada todo o seu apoio e solidariedade á familia», sinala o Concello nun comunicado.
Actividades suspendidas en Nigrán
Igualmente, o Concello de Nigrán expresa as súas condolencias e pesar pola morte do seu compañeiro José Manuel Freire Leyenda, mariñeiro veciño de Baiona.
O «Marsua J», dedicado a artes menores, era un barco de poliéster, matriculado no ano 2000 e con 6,75 metros de eslora. Saíra a pescar a madrugada do luns na zona oeste das Cíes.
A Confraría de Baiona deu a alerta e Salvamento movilizó desde Peinador ao helicóptero «Pesca 1», aos Gardacostas e á lancha «Salvamar Mirach».
A primeira hora da tarde localizouse o cadáver do veciño de Baiona e o barco tamén apareceu coa quilla ao sol no Freu da Porta. Así, o rastreo da zona comezará de novo a primeira hora do martes.
A traxedia do Marsua levou o loito a Baiona e Nigrán e únese aos fatídicos accidentes rexistrados hai só un días nas Illas Ons, onde morreu un bateeiro de A Illa e outro mariñeiro ao caer ao mar.