O proxecto de pavimentación das estradas provinciais EP-2104 Panxón-Patos e EP-2105 que conecta con Monteferro, ámbalas dúas en Nigrán, vén de ser aprobado pola Deputación de Pontevedra. A actuación, valorada en 215.618 euros será licitada en breve co obxectivo de renovar o firme destas dúas estradas, situadas nunha das paraxes máis turísticas do Val Miñor e das Rías Baixas.
A estrada que une as praias de Panxón e de Patos, cunha traza total de 1.132 quilómetros, será asfaltada de novo completamente. A estrada provincial está plenamente integrada no viario de Nigrán, onde figura co nome de rúa de Tomás Mirambell. Pola súa parte, a estrada de Monteferro (no rueiro, rúa de Monteferro), que entronca coa anterior e chega ata o alto do monumento á Mariña Universal, verá renovado o seu pavimento nos primeiros 780 metros, é dicir, na parte onde se sitúan as vivendas.
Para solucionar o desgaste parcial do actual pavimento, as obras comezarán coa demolición, saneo e fresado, así como a preparación do terreo con saburra, macadam e emulsión asfáltica antes de aplicar o novo pavimento asfáltico e o recrecido dos pozos de rexistro de tódolos servizos, incluíndo ademais tódolos pasos de peóns sobreelevados existentes. Ademais renovarase completamente a sinalización horizontal con pintura reflexiva branca. A Deputación aproveitará estas obras tamén para renovar e reforzar a sinalización vertical. O prazo de execución destes traballos serán de catro meses.
Segundo o último estudo de aforo da Deputación, a vía provincial que enlaza as praias de Panxón e Patos rexistra unha intensidade media de circulación superior aos 2.500 vehículos diarios, mentres que a de Monteferro, soporta unha presión circulatoria máis contida duns 1.000 vehículos ao día. Non obstante, estas cifras dispáranse durante os meses de verán.
Reforma en Tui
“Ás veces, só lle damos valor ás grandísimas obras, pero hai obras imprescindibles que transforman o espazo”, destacou este mércores a presidenta Carmela Silva ao referirse á mellora da seguridade viaria e a mobilidade peonil que veñen de rematar a Deputación e o Concello nun tramo da EP-3001 ao seu paso pola zona de Rebordáns, e que visitou xunto ao alcalde, Enrique Cabaleiro, e representantes da corporación.
A actuación dá resposta a unha vella reivindicación da veciñanza e da corporación que preside Cabaleiro para garantir a visibilidade e a seguridade neste treito, onde se ten creado unha senda peonil e ampliado o radio da curva existente, cun investimento de 138.499 euros.
A mellora desenvolveuse nun tramo de 155 metros, entre o punto quilométrico 1,290 e o 1,445 e tiña como obxectivo dotar a estrada dunha zona de tránsito seguro e boa visibilidade. Para a mellora da mobilidade das persoas en condicións de seguridade construíuse unha senda peonil de 2,5 metros de ancho pola marxe esquerda, mentres que pola dereita, a estrada leva unha cuneta transitable. E para incrementar as condicións de seguridade do tráfico aumentouse o radio da curva existente, habilitáronse dous pasos sobreelevados na calzada e pavimentouse o treito con novo firme, amais da execución da sinalización. Tamén se melloraron servizos como a rede de pluviais, de alumeado e telecomunicacións.
Carmela Silva subliñou que o viario “quedou extraordinariamente ben” e que a obra foi unha petición do alcalde, “que nos indicou que nesta zona era imprescindible traballar para garantir a seguridade, e certamente o cambio é moi importante”. Destacou a este respecto a colaboración co Concello para afrontar esta actuación, que foi financiada cun convenio no que a Deputación asumiu o 80% e a administración municipal o 20% restante. “Celebro que sexamos capaces, ao igual que co resto dos concellos, de traballar conxuntamente para mellorar as vías provinciais e acadar que a xente teña maior calidade de vida –apuntou-. Seguiremos traballando para mellorar Tui e a vida da xente de Tui”.
Neste senso, anunciou que nos vindeiros días se dará a coñecer outra importante actuación no concello baixo o modelo de mobilidade segura da Deputación, na estrada provincial que pasa por Ribadelouro: “Temos 1.700 quilómetros de vías provinciais nas que hai que facer unha gran revolución” non só no eido da mobilidade, senón tamén coa dotación de servizos “do século XXI, que reduzan costes e contaminación e dean resposta ás demandas da sociedade”.
Pola súa banda, o alcalde Enrique Cabaleiro, lembrou que esta inauguración “supón a superación dunha situación anacrónica desde hai bastantes anos nesta zona urbana, xa que esta estrada representaba amais certo perigo para a seguridade viaria e peonil e tiñamos que arranxala”. Agradeceu a colaboración da Deputación, “que atendeu esta petición de forma dilixente e a obra quedou moi ben”, así como o apoio de toda a corporación ao cofinanciamento da obra.
Tamén destacou o apoio da institución provincial á outra actuación prioritaria, a humanización prevista en Ribadelouro, e anunciou que o Concello seguirá nesa liña “na aposta que ten este goberno para por en valor as infraestruturas do ámbito rural”. Anunciou así mesmo que solicitará novos proxectos para as parroquias do rural para “ir cumprindo aquelas premisas que nos formulamos ao principio do mandato”. “Esta corporación está cumprindo os seus compromisos -apuntou- e imos seguir traballando neste senso” e concluíu agradecendo a Carmela Silva “o compromiso de ir transformando toda a provincia”.