Co obxectivo de amosar as novidades desta terceira edición e o plan de traballo, así como para presentar o balance da pasada edición da campaña neste festival, as técnicas de Igualdade da Deputación mantiveron hoxe un encontro no salón de plenos do Concello de Nigrán co alcalde, Juan González, representantes da corporación municipal, da Garda Civil, a psicóloga e a avogada do CIM, a técnica de Cultura e representantes da organización do evento.
A institución provincial volverá instalar un punto de información con cinco axentes de igualdade que entregarán os folletos da campaña, aínda que tamén farán intervencións na praia. #LEMBRAEUDECIDOTIRESPECTAS vai dirixida tanto aos mozos como as mozas, con materiais nos que se ofrece unha actuación integral de prevención e actuación contra os devanditos tipos de agresión sexual e nos que se amosan con claridade os límites nas relacións entre adolescentes e danse a coñecer este tipo de agresións, facendo fincapé en que son un delito e que a culpa nunca é da vítima. Outros materiais (sombreiros, tarxetas, adhesivos e pulseiras) complementarán a campaña.
O stand permanecerá no festival o venres 19 desde as 18 ás 22 horas e o sábado 20, de 18 a 23.30 horas. Por parte da organización do festival, informouse que este ano como novidade a empresa de seguridade conta con dúas profesionais que teñen formación en violencia de xénero. E no encontro decidiuse tamén colocar no stand folletos do CIM para que as mulleres que se acheguen coñezan este recurso. Precisamente, o persoal do centro compartiu as impresións sobre a posta en marcha dun punto violeta nas pasadas festas de San Xoán, e informou que se colocará en próximos eventos no concello.
O pasado ano, polo stand da Deputación pasaron 460 persoas, do total de 8.000 que foron atendidas no marco desta campaña de igualdade nos sete festivais de verán da provincia pontevedresa. No transcurso da reunión, incidiuse na boa resposta á pasada edición, na que se deu un paso máis cara a implicación dos mozos na campaña, baixo o lema “CONTA COMIGO EU RESPÉCTOTE”, coa que se pretende que eles amosen o seu rexeitamento ante este tipo de condutas, non sexan cómplices e se sitúen claramente fronte aos agresores.
A Deputación desenvolverá estas accións formativas e de coordinación dos colectivos de atención ao público nos cinco concellos restantes nos que se levarán a cabo os Festivais Rías Baixas, co obxectivo de proporcionar ferramentas e desenvolver protocolos de colaboración e coordinación ante unha posible agresión sexual.