As obras foron propostas polos vixiantes do departamento de Mobilidade nos percorridos habituais de revisión da rede viaria, ao constatar as deficiencias causadas pola auga caída a fin de semana pasada. Segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a intención é actuar o máis rapidamente posible para garantir a vialidade e evitar que se produzan problemas maiores que requiran dun maior investimento. Nunha primeira valoración o orzamento global chegará aos 113.000 euros.
Os técnicos provinciais propuxeron catro intervencións de urxencia coa intención de iniciar as obras o vindeiro luns. A actuación de maior contía será a da estrada provincial EP-8303 á Igrexa de Fragas, en Campo Lameiro, no punto quilométrico 1+500, onde se desprendeu un noiro e se afundiu a estrada. As obras consistirán na construción de tres muros de contención e na reposición do paquete de firme da estrada, cun custe estimado de 80.000 euros.
Por outra parte, actuarase na estrada provincial EP-7001 entre A Estrada-Forcarei (termo municipal de A Estrada), no punto quilométrico 1+200, onde se produciu un desprendemento dun noiro con perda das terras de base do firme pola filtración de finos coa auga. Será necesaria a reposición do paquete de firme, do noiro e a adopción de medidas de protección deste. O orzamento estimado, que poderá variar unha vez a empresa adxudicataria constate as deficiencias reais na acometida da obra, é de 10.000 euros.
A terceira actuación que se está a tramitar por urxencia é a da estrada provincial EP-5302 de acceso a Ponte Frieira (Crecente), no punto quilométrico 0+700, onde se constatou un afundimento do firme provocado tamén por infiltración de augas. A solución para esta deficiencia virá dada pola reposición do firme e a execución de drens de captación de auga, cun orzamento previsto de 15.000 euros.
Por último, na estrada provincial EP-2102 entre Nigrán-Vincios (Nigrán), no punto quilométrico 4+000, é necesario canalizar as augas de escorrentía que non filtran no monte queimado e asolagan dúas vivendas da zona cun novo colector e unha gabia revestida. O custe estimado das obras é de 6.000 euros.
Hai que lembrar que o departamento de Mobilidade estivo a actuar ‘in situ’ no mantemento das estradas provinciais os mesmos días o temporal (9, 10 e 11 deste mes) a través das brigadas provinciais, que atenderon nas 12 horas de maior intensidade de chuvia e vento máis de medio cento de incidencias menores por caída de pólas, árbores e outros elementos á calzada, asolagamentos e balsas de auga, así como por derrubamentos de noiros e caídas de terra e pedras impedindo a circulación. Cabe destacar, neste sentido, que no Concello de As Neves foi necesario trasladar maquinaria pesada do parque provincial, así como mobilizar medios externos (unha pala mixta e un camión) para axudar á retirada de terra caída no punto quilométrico 5+400 da EP-4202 Tortoreos-Rubiós-Carrasqueira.
O deputado Uxío Benítez quixo agradecer o traballo realizado polas brigadas que estiveron activas durante o temporal, xa que incluso foi necesario un reforzo a maiores sobre as que estaban inicialmente mobilizadas polo operativo de emerxencia. Destacou que a súa intervención foi fundamental para garantir a seguranza viaria nos momentos de maior complicación climatolóxica. Insistiu tamén en que as obras tramitadas con carácter de urxencia son fundamentais posto que de non realizar as actuacións, as filtracións de auga e os afundimentos poderían agravarse, levando a danos maiores nas estruturas dos firmes das estradas que, por tanto, sería máis de custosas de afrontar.