Concello de Nigrán e Comunidade de Montes de Chandebrito colaborarán novamente para promover o patrimonio máis descoñecido da parroquia. Nesta ocasión, tras a petición realizada desde a entidade comunal a través do seu presidente Víctor Vidal, o Concello ven de solicitar á Deputación de Pontevedra unha subvención de 10.381 € para por en valor a contorna da ‘Fraga dos muíños de Rodas’, unha extensión de gran interese medioambiental e etnográfico ubicada no límite coa parroquia viguesa de Fragoselo e que sobrevivíu sen danos aos lumes de 2017. O obxectivo é sumar esta excepcional fraga aos demais bens patrimoniais ou de interese xa recoñecidos na parroquia.
«Ubícase nunha zona de Chandebrito moi descoñecida para a maioría da xente e conforma un conxunto patrimonial e natural de gran beleza que se unirá a elementos de interese xa coñecidos como o Castro, os petroglifos ou o Bosque da Memoria», incide o alcalde, Juan González. «Hai uns meses realizamos esta petición concreta de colaboración ao Concello para por en valor esta zona non tan coñecida e que buscamos preservar nas mellores condicións», subliña pola súa banda Vidal.
Así, a zona acolle os coñecidos como muíños de Rodas (o máis antigo do s. XVIII e os outros dous do s. XIX) denominados a súa vez como ‘Darriba’, ‘Domedio e ‘Dabaixo’ ao localizarse así ao longo do curso do río da ‘Regha’, perfectamente integrados ao mesmo tempo na fraga, o que consegue crear unha simbiose máxica entre patrimonio medioambiental e etnográfico.
Intervención
O obxectivo desta primeira intervención no ecosistema é facer unha roza manual e eliminación de invasoras en toda a contorna, especialmente nas zonas de acceso aos muíños, ademais, sinalizar este roteiro desde a propia estrada e instalar mesas-paneis informativas de aceiro cortén (por ser un material máis resistente) accesibles en braille e con códigos QR.
«Integrarase na rede municipal de roteiros e será, sen dúbida, un dos reclamos máis populares da parroquia de Chandebrito porque a sensación que transmite é a de estar nun lugar excepcional, que pervive milagrosamente no tempo», incide González. Esta mesma subvención provincial para rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural foi outorgada anteriormente ao Concello para a musealización do Castro de Chandebrito.