Praia América, en Nigrán, vai camiño de convertese no primeiro areal intelixente de Galicia cos traballos que comezaron estes días para a posta en marcha do programa piloto ‘Smart Beach’, unha iniciativa para a transformación dixital do territorio, enmarcada no proxecto ‘Tourist Inside’ que a Deputación de Pontevedra está a desenvolver xunto con Red.es.
Na actualidade, os compoñentes para poñer en marcha esta praia intelixente están instalándose e a estimación é que comecen a avaliar datos a pleno rendemento a partir do mes de agosto. En concreto, apostarase pola xestión intelixente de residuos mediante a instalación de 12 sensores baseados en tecnoloxía de ultrasóns nas papeleiras do Paseo Marítimo de Praia América que detectarán o estado de enchido das mesmas, coa finalidade de optimizar a súa limpeza e xestión.
Por outra banda, búscase coñecer a tempo real o aforo da praia e aplicar sensores para medir o consumo medio da auga. Para conseguilo, empregaranse 12 cámaras como elementos de conteo que enviarán metadatos para xestionar a capacidade de carga turística da praia. Ademais, grazas a caudalímetros instalados nas duchas e nos lavapés poderanse valorar os consumos e as posibles fugas para poder facer una xestión eficiente da auga.
Por último, na actualidade xa está instalada unha estación meteorolóxica dotada con anenómetro e catavento, colector de choiva, escudo pasivo de radiación, escudo de radiación con aire aspirado, sensores de temperatura e humidade, de UV e sensores de presión barométrica. Esta estación non só permitirá ter información do tempo en Nigrán en tempo real, tamén será de grande utilidade nos próximos años ara saber como varía o clima na zona.
Todos os datos obtidos chegarán á Deputación e aos concellos que participen neste iniciativa en cadros de mandos estratéxicos para poder planificar as diferentes actuacións que cada servizo ten que levar a cabo. Ademais, parte da información estará dispoñible para as e os cidadáns e as e os visitantes a través do portal web e a aplicación móbil creados para tal fin, así como tótems informativos instalados en diferentes lugares.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, visitou este mércores o avance das obras xunto co director de servizos públicos dixitais de Red.es, Francisco Javier García Vieira;o alcalde de Nigrán, Juan Antonio González Pérez;a directora da empresa adxudicataria do proxecto, Proxia, BlancaIturmendi, e a deputada provincial Raquel Giráldez. Na visita, a presidenta provincial quixo destacar a importancia dun proxecto como este, que vai permitir “ a curto, medio e longo prazo tomar decisións intelixentes de xestión de espazos únicos que son un patrimonio imprescindible”.
Este primeiro proxecto piloto desenvólvese en Praia América ao ser unha localización idónea polo seus servizos e a súa grande afluencia turística. A finalidade é empregar a intelixencia e a transformación dixital para garantir un turismo sostible que faga que os e as turistas gocen dun “turismo de excelencia e sostible” e demostrar, como explicou Carmela Silva, que “respectamos, coidamos, amamos e preservamos o medio ambiente para as futuras xeracións”. Ademais, a análise de Big Data permitirá crear un modelo de turismo que faga que os veciños e veciñas dos municipios turísticos o vexan como “unha fonte de crecemento de riqueza e non como un elemento que xera disfuncións no día a día”. A intención é comprobar o seu funcionamento para, no futuro, exportalo ao resto de espazos, particularmente na costa. Desta maneira, asegurou Carmela Silva, “a Deputación e os concellos poderemos xestionar conxuntamente todo o que se fai cunha alta calidade”, con datos exactos e precisos ao momento, para tomar “decisións en tempo real”.
O director de servizos públicos dixitais de Red.es, Francisco Javier García Vieira lembrou que todos os datos que se obteñan a través dos diferentes sensores que se instalarán agruparanse “na plataforma Destino Intelixente, onde se combinará toda a información para tomar as mellores decisións e xestionar os servizos de forma eficiente e eficaz”. O obxectivo de ‘TouristInside’, que conta cun orzamento de 1.108.280 € e está financiado ao 60% por Red.es a través de fondos FEDER e ao 40% pola Deputación, é transformar o territorio nun destino intelixente.
Pola súa banda, o alcalde de Nigrán, Juan Antonio González Pérez, mostrou o seu orgullo por ser Praia América o espazo no que se instalará esta experiencia piloto, e recalcou a importancia dun proxecto como este, que permitirá “ter máis datos para tomar mellores decisións, o que fará que unha praia que xa é referente en Galicia sexa aínda máis intelixente, mellor para as e os cidadáns e para o medio ambiente”.