Os interesados teñen ata o día 10 dese mes para inscribirse, ben na Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán en horario de 9:00 a 14:00 horas ou enchendo o formulario que se facilita na web e no Facebook do Concello e enviándoo a secretariap@nigran.org.
O número máximo de artefactos participantes é de quince. A recollida de dorsais será no punto de saída o mesmo día de 16.00 a 16.30 horas. Para participar é obrigatorio o uso de chaleco salvavidas, correndo a cargo de cada persoa.
O evento consta dunha baixada de artefactos flotantes polo río Miñor con saída e chegada ao mesmo punto, nun percorrido circular. Non hai ningunha limitación para a imaxinación na construción dos mesmos, só que flote e poida navegar propulsado a remo ou a vela.
O Concello premiará o artefacto flotante máis traballado e o máis cutre, a tripulación máis simpática, a familia máis intrépida e participativa, o tripulante máis vello e máis novo e ao ‘Titanic’ da edición.
O ‘Flota como Poidas’ coincidirá como cada ano coa feira de oportunidades Ovalmi e contará tamén cunha actuación musical en directo ás 20:00 horas.