A Administración autonómica advertiu este venres do elevado risco sanitario de que os usuarios se vexan afectados por cadros intestinais e/ou dermatolóxicos e instou a poboación a concienciarse das consecuencias de bañarse no areal na situación actual. «Segundo puideron constatar os técnicos sanitarios que estes días se achegaron ata a zona, se seguen a ver nenos na desembocadura», explica a Xunta nun comunicado. No último análise microbiolóxico, con data do 31 de agosto, a presenza desta bacteria fecal mantíñase nun valor superior ao aceptable. Un incremento anormal que desaconsella o baño.
Cando está a piques de cumprirse un mes desde que se detectou por primeira vez a presenza anormal de Escherichia Coli en Praia América, a Xunta reitera que a prohibición do baño na desembocadura do Río Muiños debe manterse e estar debidamente sinalizada e valada ata que os técnicos sanitarios así o aconsellen.
Por estes feitos, a Administración autonómica abriu o pasado día 14 un expediente sancionador ao Concello de Nigrán (acusou recibo o 21 de agosto) por non informar á poboación dos episodios detectados de contaminación mediante carteis informativos na zona de baño, tal e como se lle requiriu en non poucas ocasións. Este incumprimento está recollido na lei de Saúde de Galicia como unha falla moi grave, que pode ser sancionada con multas que oscilan entre os 3.005,7 e os 15.025,30 euros.
Notificacións ao Concello
Na análise microbiolóxica da mostra de auga recollida o día 9 de agosto no areal de Praia América-Lourido confirmouse a presenza de Escherichia Coli nunha proporción de >2000 NMP/100ml, superando o valor aceptable establecido de contaminación, e se comunicou ao Concello a obriga de prohibir o baño. O día 10 inspectores farmacéuticos de saúde pública, logo de comprobar o resultado analítico con contaminación microbiolóxica, achéganse á zona e constatan que non existe cartel que informe aos usuarios da situación. Ademais, observan que no lado esquerdo do areal hai presenza de algas en descomposición, plásticos e cabichas e detectan mal olor na desembocadura do Río Muíños (con medicións de 8000 UFC/100ml), auga turbia con olor anormal e presenza de bañistas no momento da inspección.
Segundo a lexislación vixente, unha vez detectado o episodio de contaminación os concellos están obrigados a comunicar á poboación a situación con carteis informativos nos que ben se prohiba o baño ou se recomende absterse deste de forma temporal por contaminación microbiolóxica. Este panel informativo deberá completar ao cartel coa cualificación sanitaria. Ademais, se manterán as condicións adecuadas das áreas peripraieiras e se exporá aos usuarios calquera outra información relevante establecida regulamentariamente.
A xunta explica que durante todo este tempo se lle requiriu ao Concello que tomara medidas para informar a poboación e resolvera os episodios de contaminación que afectaron ao areal de Praia América e o Río Muiños, este último aínda activo.
«Así, o 18 de agosto informase ao alcalde dos resultados negativos da inspección do día anterior e este confirma que o problema está resolto polos técnicos de Aqualia, á espera de novas mostras que así o certifiquen. Unha comunicación que lle reitera por correo electrónico ao Concello xunto aos carteis oficiais que indican a prohibición do baño por contaminación microbiolóxica. Catro días máis tarde tómanse novas mostras, sen que a praia este acoutada e con carteis que non responden aos oficiais remitidos, e reitéraselle aos inspectores do Concello que cumpran coa normativa», engade a Xunta.
O día 23 noutro intercambio de correos o propio alcalde comunica a identificación doutra fonte de contaminación no curso medio do río, posiblemente antiga, que obriga ao Concello a facer novos análises. Pese a que se advertiu ao Concello en numerosas ocasións de que acoutase a zona contaminada e informase con carteis oficiais aos usuarios, fixeron caso omiso ata esta semana, cando procederon ao valado “parcial” do perímetro, conclúe o comunicado da administración autonómica.