Os interesados teñen ata o día 11 para inscribirse, ben na oficina de información cidadá do Concello de Nigrán en horario de 9:00 a 14:00 horas ou enchendo o formulario que se facilita na web e enviándoo a info@nigran.org.
A recollida de dorsais será no punto de saída o mesmo día de 17.00 a 18.00 horas. Para participar é obrigatorio o uso de chaleco salvavidas, que corre a cargo de cada participante.
O evento consta dunha baixada de artefactos flotantes polo río Miñor con saída e chegada ao mesmo punto, nun percorrido circular. Non hai ningunha limitación para a imaxinación na construción dos mesmos, só que flote e poida navegar propulsado a remo ou a vela.
A organización premiará ao artefacto flotante máis traballado e o máis cutre, a tripulación máis simpática, a familia máis intrépida e participativa, o tripulante máis vello e máis novo e ao ‘Titanic’ da edición.
O ‘Flota como poidas’ coincidirá como cada ano coa feira de oportunidades Ovalmi e haberá tamén unha actuación de Cultura no Camiño (Asacocirco Show ás 17.30 horas na Alameda de San Campio).
O obxectivo primordial é achegar aos veciños e visitantes ao mar, promovendo actividades que fomenten a afección pola cultura marítima e que os máis pequenos tomen conciencia da cultura marítima ao tempo que se divirten.