Como se divertía a mocidade hai un século? Cales eran os seus lugares preferidos para xuntarse? Que salóns de baile, discotecas ou festas recordan?
A memoria é o refuxio dos recordos, mais acontece que con paso dos anos as lembranzas esvaecen e se non se contan ás seguintes xeracións, simplemente, desaparecen.
Co obxectivo de contribuír á recuperar a memoria colectiva da diversión durante o século XX na zona de Nigrán, un grupo de alumnos do IES Val Miñor está a desenvolver un proxecto de investigación e apela a colaboración cidadá na procura de información.
O traballo, denominado ‘Os locais de lecer no Nigrán do século XX’, está inserido no Proxecto Didáctico Antón Fraguas, dentro do programa Proxecta+ da Consellería de Educación.
O alumnado de 3º PMAR (programa de mellora da aprendizaxe e rendemento) está a levar a cabo durante este curso a investigación procurando testemuños gráficos e orais destes lugares –que na súa inmensa maioría xa non existen- e as lembranzas das historias alí vividas.
Ademais de recompilar fotografías antigas, tamén crearon o programa de radio escolar Radioteca Val Miñor onde entrevistaron a persoeiros coñecedores da historia local como o alcalde ou veciños que deitaron luz sobre o lecer en Nigrán no pasado.
No marco destas investigacións descubriron o apoxeo do antigo Salón de Baile de Nigrán, que logo foi o Vanitas, por onde pasaron os grupos máis populares da movida viguesa; ou as salas de festas que existían na zona de Praia América, onde se puido ver a personaxes tan populares na época como Carmen Sevilla, Sara Montiel ou Julio Iglesias.
Un século dá para moitas anécdotas e os menos mozos recordan o balbordo que supuxo a presenza do entón Príncipe de Asturias divertíndose na discoteca Vanitas a finais dos 80, logo de que a súa familia participase nunha regata.
Tamén o Cine Imperial, inaugurado en 1948, ten un lugar de honra neste traballo, como unha auténtica meca do cine para a veciñanza do Val Miñor e de moitos vigueses, que aproveitaban a localización dunha parada do tranvía xusto en fronte para gozar da fermosa viaxe e da sétima arte.
Mais, para completar este memorial e montar unha exposición final, o alumnado precisa da colaboración da cidadanía e apela a que fagan memoria e compartan recordos e anécdotas ben por correo elecrónico: lecerdenigran@gmail.com ben por Whatsapp no 621249537 .