O Concello de Nigrán sufragou desde o 4 de novembro 115 servizos de envío a domicilio de negocios hostaleiros do municipio, 10 veces máis que a media mensual ata agora. Paralelamente, desde o consistorio levouse a cabo unha campaña promovendo o consumo nestes locais baixo o slogan ‘Agora, máis que nunca, a hostalaría precisa de nós’. Esta iniciativa do goberno local manterase igual mentres duren as restriccións ao sector como unha medida máis de apoio xunto á xa anunciada liña de axudas directas por valor de 120.000 € (1.000 € a autónomos e 600 € a desempregados sen dereito a prestación) ou a bonificación íntegra do recibo trimestral de auga e a parte proporcional do lixo e manter a gratuidade das terrazas no 2021.
O Concello iniciou este transporte gratis en xuño asociado á app de envío a domicilio Dbarrio tras a solicitude de Ovalmi de abonar o custe de 70 licencias para negocios de todo tipo que quixeron adherirse a esta plataforma de comercio electrónico. Como medida adicional para ofrecer unha vantaxe competitiva, o Concello decidíu sufragar o transporte dos pedidos dentro do municipio de luns a sábado, de 13:00 a 15:00 e de 20:00 a 22:00 horas.
«A raíz do 4 de novembro decidimos concentrar o servizo só na hostalaría para que estivese a súa plena disposición en toda a franxa horaria e, ademais, abrimos esta posibilidade aos establecementos adheridos a Dbarrio ou non. Como as circunstancias adversas continúan, o Concello seguirá concentrando o reparto gratuíto só neste sector porque está especialmente prexudicado fronte aos demais», incide González. «Agora é unha urxencia contar con repartidor, pero o que realmente buscamos desde o Concello é afianzar o consumo local e que permaneza como o xeito máis sostible e responsable de mercar. Subvencionando o transporte, facemos que realmente sexa moi interesante para o cliente de Nigrán «, resume.
Igualmente, o Concello de Nigrán iniciou coa colaboracón de Ovalmi a campaña de promoción do comercio local ‘Agora máis que nunca este Nadal merca en Nigrán’ e o hashtag ‘#VivoEnNigránComproEnNigrán’. A iniciativa municipal inclúe diferentes aspectos, entre os que destaca o sorteo de 1.300 € en vales de 50 € entre os clientes dos establecementos adheridos a Ovalmi para consumir en 26 locais hostaleiros do municipio durante todo o 2021. O Concello de Nigrán continúa así co seu esforzo para promover o comercio de proximidade entre a veciñanza, tal e como xa o fixo durante o confinamento coas pequenas tendas de alimentación, as panaderías en Pascua ou o Día da Nai.