Trátase da ‘IX Limpeza Simultánea’ e terá lugar en ríos que atravesan 44 municipios de Galicia e sempre grazas ao labor de grupos de voluntarios que buscan a concienciación social. No caso de Nigrán sumaranse tódolos anotados ao proxecto de voluntariado para a rexeneración do sistema dunar de Praia América-Panxón e tamén está aberto a toda aquela persoa que desexe colaborar, que deberá inscribirse ata este venres no teléfono do Concello 986.365.000 (chamando de 9.00 a 14.00 horas).
O punto de encontro é xunto a capela da Alameda de San Campio (A Ramallosa) ás 11:45 horas horas, para poder comezar a limpeza no esteiro (á altura da ponte) ás 12.00 horas, momento de máxima marea baixa. O Concello facilitará camisetas alusivas á xornada, luvas e pinchos para recoller o lixo máis comodamente e recoméndase levar botas de auga. A xornada alongarase durante hora e media aproximadamente.
Grazas a labor dunha vintena de voluntarios o ano pasado recolleuse preto dunha tonelada de lixo, principalmente botellas de vidro e material de construción, pero tamén se atoparon moitas nasas, tixolas, paraugas, cadeiras, redes…
“O máis importante deste día é a labor de concienciación social que entre todos realizamos. As pequenas accións valen moito e, entre as institucións e a veciñanza, debemos loitar para ter un esteiro no que se preserve ante todo a súa riqueza natural”, explica o alcalde, Juan González.
O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.