Os bebés nacidos en Nigrán virán cun agasallo baixo o brazo. O Concello avanzou este domingo que ven de investir 3.000 € na compra de 100 caixiñas de madeira de ‘engaiolarte’ para todos os neonatos que se empadronen no municipio. Cada unidade contén dous libriños especialmente destinados a bebés (en galego, ilustrados en cartón duro, para disfrutar co tacto, e con alto contraste) e un saquiño térmico de sementes feito a man (pensado para aliviar os cólicos do lactante, para o que hai que quentalo no microondas 20 segundos e poñelo no bandulliño da crianza, por riba da roupa).
Segundo informou o Concello este domingo, as familias de Nigrán que, a partir de agora, teñan un bebé, poden solicitalo na Oficina de Información Cidadá ensinando o Libro de Familia e o Padrón ou se veñen a solicitar a Tarxeta Benvida.
«Esta iniciativa xa a levaramos a cabo con gran éxito a través de ‘Apego’ e agora a repetimos pola nosa conta para seguir tendo esta mostra de cariño e agradecemento coas familias que elixen Nigrán para criar aos seus fillos», explica o alcalde, Juan González, quen subliña tamén o obxectivo de «promover o amor polos libros e pola lingua galega desde o berce».
As caixiñas foron encargadas á editorial ‘Engaiolarte’, que naceu no ano 2014 encargándose primeiramente de libros pensados para as idades máis temperás, que son os que conteñen as caixas: libros coidadosamente traballados, que ademais de divertir axudan ao desenvolvemento psicomotriz das crianzas.