Texto íntegro da carta:
«POR QUÉ DIFERENZAS?
Estes días, a raíz da desgracia ocorrida en Tui, estou revivindo con maior intensidade o que sufrimos dende o pasado 15 de outubro.
A Tui acode o Vicepresidente da Xunta, o mesmo día dos feitos, e ó día seguinte ó parecer, o Presidente, penso que cumpriron coa súa obriga.
Tamén case dende o primeiro momento se envían equipos de axuda psicolóxica, considero tamén que isto é o correcto.
Pregúntome a qué se deben tan sustanciais diferenzas respecto das actuacións e comportamento das autoridades respecto das que tiveron co pobo de Chandebrito e cos familiares das dúas vítimas mortais.
O incendio foi na tarde do domingo 15 de outubro.
A Chandebrito non acudiu ningunha autoridade o día 16 de outubro, tampouco se enviaron equipos de axuda psicolóxica, e o mesmo ocorreu o día 17. As únicas autoridades que se puxeron en contacto cos familiares das dúas vítimas o día 16 a primeira hora da mañán, foron axentes da policía xudicial para que lles facilitaramos fotografías e acudiramos a prestrar declaración e recoñecer dous obxectos persoais e outras dilixencias.
O martes 17 pola mañán acudimos ó centro de saúde a pedir axuda psicolóxica, que foi concertada cos medios do propio centro, para o día seguinte (mércores 18).
O martes 17, a media tarde, recibimos a primeira chamada dun Conselleiro da Xunta, ó que lle trasladamos o noso enfado.
Finalmente enviaron o equipo psicolóxico o mércores 18 a media tarde, cando estabamos totalmente acompañados polos nosos familiares, amigos e veciños no tanatorio. Alí acudiron tamén, entre outras autoridades, o Presidente e o Alcalde. Antes non existiamos, nin tiñamos necesidades.
Por certo, algúns políticos de ámbito estatal estiveron no pobo, ou preto, pero so viñeron facerse a foto, para eles nós non tiñamos importancia ningunha. O Presidente Rajoy nin siquera apareceu no Concello, sendo incapaces de diferenciar entre de qué partido político é o alcalde, e o desastre ocorrido.
Por iso, por como vivimos nós a nosa traxedia, é polo que comparo como están facendo con esta de Tui, e pregúntome a qué se debe a diferenza. E a resposta non pode ser outra ca de que no caso de Tui as autoridades consideran que non teñen ningunha responsabilidade no ocorrido, e por iso se presentan no lugar sen problema».
Asdo. María Costas Otero (filla de Ángela Otero, falecida no incendio do 15 de outubro en Chandebrito).